Xoves 30 de Xuño de 2022

Ourense en Común reitera a petición de dimisión de Belén Iglesias logo de consolidarse a cesión do OUFF a Baltar


O PP destruíu nos últimos tres anos o feito nos setenta anos anteriores no eido cultural municipal

Logo de coñecer o decreto asinado polo alcalde o pasado 21 de setembro consolidando a cesión do OUFF a Baltar, Ourense en Común denunciaba esta mañá a “aleivosía sistemática e inaudita” coa que o goberno municipal, con Jesús Vázquez á fronte, e Belén Iglesias como responsable da xestión cultural do Concello, “levan destruíndo nos últimos tres anos toda a actividade cultural dos setenta anos anteriores”.
O PP “apúntase un novo fracaso para o historial de Belén Iglesias. Cantos máis precisamos?? A situación é insostible. Esta persoa debe dimitir”, declaran desde Ourense en Común, que interpretan a “fagocitación do OUFF” como “outra xogada de Baltar, que como co Ateneo, quere deixar en evidencia a xestión do candidato de Feijoo, Jesús Vázquez, ao que el nunca apoiou”.
Coa perda do OUFF, “o concello perde un activo único que precisamente nas últimas edicións estaba poñendo a Ourense no mapa do audiovisual”. O grupo entende que a cesión é “un punto de non retorno”, e cuestiona o papel que xogará o Concello na produción e celebración do Festival de Cine, “se é que terá algún”.

Deja una respuesta