Domingo 09 de Decembro de 2018

A Xunta destaca en Trasmiras a innovación como clave para impulsar o sector da biomasa forestal


O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou a empresa Astigal, do grupo Foresga, que colabora co CIS Madeira para mellorar a calidade dos seus produtos
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou hoxe no municipio ourensán de Trasmiras as instalacións de Astigal, do grupo Foresga, subliñando a importancia da innovación como clave para impulsar o sector da biomasa forestal en Galicia.

Neste sentido, subliñou que a compañía, que produce e comercializa ata 50.000 toneladas ao ano de estela seca no Centro de transformación de biomasa situado no municipio ourensán, ten colaborado co Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira), dependente da Xunta, en diferentes proxectos de innovación coa fin de optimizar e mellorar a produción de estela de calidade.

Así, o obxectivo principal destas colaboracións, entre as que se atopa o proxecto “Incidencia dos factores ambientais e tipo de almacenaxe na calidade da estela para seu uso como biocombustible”, financiado pola Consellería do Medio Rural, foi mellorar o seu sistema de produción, asegurando estela cun contido de humidade e de cinzas axeitado ás esixencias de cada cliente. Para iso analizouse a incidencia das condicións ambientais da planta e o tipo de almacenamento da biomasa, co fin de conseguir unha calidade estable de biomasa ao longo de todo o ano.

No proxecto IMAXINE (Innovación na sinerxía da cadea de valor da madeira galega de coníferas para unha industria máis eficiente), do programa FEDER INNTERCONECTA financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), a colaboración foi máis alá ao avaliar a importancia dos parámetros de calidade da estela no rendemento na produción de enerxía.

Galicia ten un elevado potencial de biomasa forestal, de feito na Comunidade galega córtase máis do 50% de toda a madeira que se corta en España. Por iso, a Xunta puxo en marcha en 2014 a Estratexia Integral da Biomasa 2014-2020 que incentiva o consumo práctico deste combustible con fins térmicos. Desta maneira, a Administración autonómica busca impulsar a produción de enerxías limpas a través de diversas fontes: ademais da biomasa, destacan a enerxía eólica, a fotovoltaica e a hidroeléctrica.

Esta planificación busca poñer en valor este combustible autóctono, renovable e respectuoso co medio natural, potenciando a economía verde, é dicir, unha actividade económica que permita aproveitar do mellor xeito posible un dos recursos enerxéticos autóctonos de Galicia, con capacidade para xerar valor e emprego en todo o ciclo produtivo, desde a transformación dos residuos de madeira ata a instalación de caldeiras de biomasa.

Deja un comentario