Mércores 10 de Agosto de 2022

Ourense en Común urxe ao goberno a “escoitar e ser transparente” co movemento veciñal xurdido en defensa do Posío


Bancos rotos, árbores talladas ou secas, humidades, e bordos con tropezos constantes poñen de manifesto o “abandono histórico” do Xardín, denunciado por veciñas e oposición en incontables ocasións

Ourense en Común avanzaba hoxe que se unirán á mobilización convocada esta tarde en defensa do Xardín do Posío, e urxen ao goberno a escoitar ás veciñas e “darlles a posibilidade de participar e opinar en calquera proxecto que se plantexe para un espazo que sinten como seu”. O grupo entende que “este movemento veciñal autoconvocado responde á incertidume provocada pola opacidade coa que este goberno adoita facer as cousas, podería evitarse con transparencia, pero non o entenden”.
O arranxo do Xardín é “necesario e urxente”, defende Miguel Doval, que engade que o espazo “require de accións de mellora na limpeza, a seguridade, ou a accesibilidade”, e en definitiva, precisa “ser posto en valor antes de que o deterioro sexa irreversible”.
A ese respecto, Ourense en Común xa levara ao pleno do pasado mes de maio unha moción, que foi aprobada por unanimidade de toda a corporación, en defensa da dignidade do xardín, tal e como agora demandan as residentes da contorna, ante o que consideran un “abandono histórico”.
O propio edil popular responsable da área de Infraestruturas, Jose Araujo, chegou a admitir en xunta de área e no propio pleno “ser consciente da problemática” pero escúdase na falta de fondos para realizar as obras, e deriva a responsabilidade a un obradoiro de emprego da Xunta de Galicia, “que pode ser insuficiente se temos en conta o que rematou en xuño, que deixou as ribeiras do Barbaña peor do que estaban antes da actuación”.
Ourense en Común pide “que o pulso do movemento cidadán sexa escoitado, que reciba explicacións con transparencia, e que a posta en valor que merece o Xardín do Posío se materialice canto antes”.

Deja una respuesta