Sábado 20 de Outubro de 2018

A Xunta promociona o sector artesán galego na feira de artesanía da Rexión de Murcia


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe en Lorca na inauguración de Feramur, que se celebra ata o domingo
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración da 35 edición da Feira de Artesanía da Rexión de Murcia, Feramur, que se celebra en Lorca desde hoxe e ata o domingo. Nesta edición Galicia participa como Comunidade Autónoma convidada a través dun stand institucional da marca Artesanía de Galicia, no que se inclúen pezas de 49 obradoiros artesáns representativos do sector, así coma con 8 expositores presenciais. A través da participación da marca neste evento, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta polo impulso á promoción da artesanía galega e á busca de novos mercados.

Ata o vindeiro domingo, poderase ver en Lorca o traballo do obradoiro de xoiaría Ferraxe de Prata (Teo), as pezas da Asociación de Redeiras Artesás de Corme (Ponteceso), a xoiería de Soledad Mato (Santiago de Compostela), a porcelana do obradoiro Comocuando (Vigo), a cerámica de Mar Barral (Catoira), as pezas de marroquinería que elabora Chueco (A Coruña), a bixutería de Crisol de Abril (Fene) e as velas artesanais elaboradas polo obradoiro A Candelaria (Negreira).

Ademais, no stand institucional da marca Artesanía de Galicia amosarase unha escolma con pezas de 49 obradoiros artesáns, que representan a heteroxeneidade e a riqueza do sector artesán galego. Así, en Feramur poderase ver unha mostra de artesanía tradicional a través das pezas de cestería de Antonio Suárez Dávila (Vigo), as figuras de San Andrés de Teixido elaboradas por Jorge Bellón (Cedeira), os instrumentos de música de Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), os coitelos de forxa de Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada) e Jomaca (Riotorto), así como a olería representativa dos catro centros oleiros tradicionais aínda activos en Galicia a través de Rectoral de Gundivós (Sober), Alfarería Aparicio, Alfarería Lista e Alfarería Rulo, de Buño (Malpica de Bergantiños); Alfarería Agustín, de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Olería de Bonxe (Outeiro de Rei).

As pezas de cerámica e de olería contemporánea que se poderán ver no stand de Artesanía de Galicia están elaboradas polos obradoiros Arobe Cerámica (A Coruña), Carlos San Claudio (Vigo), Carmen Labrador (Malpica de Bergantiños), Cerámica Suve (Cangas), Cerámica Unzueta (Brión), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Fernando Porto (A Estrada), Laura Delgado (Cambre), Lucía Catuxo (Trabada), Nacho Porto (Carnota), Ojea Studio (Vigo), Olería Pepe Otero (A Coruña), Regal Cerámica (Viveiro), Verónica Moar (A Coruña) e Víctor Ares (A Coruña), así como a xoiaría cerámica dos obradoiros de Leónlagata (Sanxenxo) e Marta Armada (Vigo), gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2015.

O tecido estará representado polos obradoiros Artefíos (A Coruña), Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas), Concha Canoura (Culleredo) e Marina Seoane (Oleiros). A xoiaría e a ourivería que se amosarán en Murcia pertencen aos obradoiros Druída Orfebre (A Estrada), Katuxa Platero (Santiago de Compostela) e Susi Gesto (Santiago de Compostela). Os representantes do traballo na madeira serán Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta Madeira (A Estrada), Cunqueiro (Palas de Reis) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela). En canto ao coiro, as pezas están elaboradas polos obradoiros Coiraxe (Vigo), Corzo Artesanía (Arzúa), Jatafarta (Santiago de Compostela) e Media Lúa (O Rosal).

O stand da marca Artesanía de Galicia en Feramur complétase cos zocos do obradoiro de Elena Ferro (Vila de Cruces), os xoguetes de madeira de Artesanía Silvent (Caldas de Reis), o téxtil serigrafiado dos obradoiros APAMP (Vigo) e Estudio Estampa (Mondoñedo), as pezas de origami de Mimadriña (Fisterra) ou as pezas elaboradas con redes polas redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso), que participan tamén cun stand propio.

Feramur está considerada unha importante plataforma de promoción e de comercialización dos produtos artesanais na Rexión de Murcia, que serve para potenciar a imaxe da artesanía de calidade. Este ano estrea o recinto feiral da Institución Feiral de Lorca (IFELOR), cuxas instalacións permitirán darlle ao evento un novo formato, ampliar o espazo para obradoiros en vivo, demostracións, eventos e servizos para os expositores, así como para o concurso de olería Artelor, que este ano celebra a súa quinta edición. A Feira de Artesanía da Rexión de Murcia estará aberta do 27 ao 30 de setembro, en horario de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 22:30 horas.

Deja un comentario