Mércores 12 de Decembro de 2018

Medio Rural estudará a solicitude do concello dos Blancos para reorganizar o territorio en catro parroquias


A conselleira recibiu ao alcalde para coñecer de primeira man as demandas e necesidades deste municipio ourensán
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu esta semana ao alcalde do concello dos Blancos, José Manuel Castro, para coñecer de primeira as necesidades e demandas deste municipio ourensán no tocante ao agro. Neste senso, a conselleira comprometeuse a estudar a solicitude presentada polo rexedor para proceder a unha nova reestruturación parcelaria en catro parroquias, que afectarían a unha superficie global de case 3.000 hectáreas.

A solicitude presentada afectaría ás parroquias de Aguís, Pexeiros, Covas e Guntín, onde predomina a superficie de monte. A titular de Medio Rural, que estivo acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, explicoulle que agora coa Lei da Mellora da Estrutura Territorial de Galicia búscase que estes procesos teñan un interese agrario e beneficie ás explotacións da zona, polo que se analizarán os aproveitamentos que poida ter este proceso nesas áreas determinadas.

Noutra orde de cousas, ambos dirixentes analizaron tamén as melloras a realizar nas infraestruturas rurais. Así, para este ano o concello ten adxudicada unha axuda de 30.388 euros para reformar os camiños de titularidade municipal a través do Plan Marco, en concreto os de Fontearcada e Noveas. A este orzamento habería que sumar preto de 60.000 euros que se financiaron a través do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) para acondicionar o firme de varios viais no pasado ano.

Deja un comentario