Luns 19 de Agosto de 2019

Ourense en Común e Anova traballarán xuntas para arrebatarlle a alcaldía ao Partido Popular en 2019


Martiño Xosé Vázquez, portavoz e candidato á alcaldía por Ourense en Común, reuníase hoxe co portavoz nacional de Anova e vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, xunto con outras candidaturas municipalistas da provincia como Ribeiro en Común e Alterna-tiva Veciñal do Carballiño

O voceiro e candidato á alcaldía de Ourense por Ourense en Común, Martiño X. Vázquez, mantiña esta tarde unha xuntanza con Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova e vicevoceiro de En Marea, para traballar conxuntamente coa mirada posta no horizonte das municipais 2019.
A reunión, na que tamén participaron representantes de outras candidaturas municipalistas da provincia, como Ribeiro en Común e Alternativa Veciñal do Carballiño, concluía arredor das nove da noite.
Ao remate, o candidato á alcaldía por Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez agradecía como “fundamental” o apoio amosado hoxe por Anova, “traballamos nunha candidatura ampla e transversal. Un proxecto común onde partidos políticos, veciñas e activistas nos sintamos representados. A situación de parálise de Ourense é grave e nos interpela a todas. No 2019 ninguén pode quedar na casa, temos que ser lexión para reverter as políticas que levan secando o concello e a provincia durante décadas. Ourense ten unha oportunidade de cambiar de ciclo como xa sucedeu no resto de Galicia e para iso todas somos necesarias”.
Pola súa parte, o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, concluía que “os espazos de unidade popular son a mellor e única ferramenta para desafiuzar ao Partido Popular das institucións públicas que parasitan ou mal gobernan, como pode ser o caso de Ourense. A nosa asemblea acordou apoiar a todas as candidaturas municipalistas consolidadas e por isto estamos hoxe aquí, para ofrecer toda a nosa axuda e apoio a Ourense en Común de cara ás eleccións de 2019”.

Deja un comentario