Luns 03 de Agosto de 2020

A II Xornada de Adopción e Tenencia Responsable de Mascotas apelará á necesidade dun compromiso á hora de ofrecer un fogar a cans e gatos abandonados


A actividade organizada por Apmou, en colaboración co Concello de Ourense, Progrape e a Patrulla Callejera, terá lugar o 30 de setembro entre as 11,00 e as 21,00 horas na praza exterior do Centro Comercial Ponte Vella

O vindeiro 30 de setembro a praza exterior do Centro Comercial Ponte Vella acollerá a II Xornada de Adopción e Tenencia Responsable de mascotas organizada pola Asociación de Propietarios de Mascotas Ourensanas, Apmou, en colaboración co Concello de Ourense para concienciar á cidadanía sobre a necesidade dun cambio de mentalidade e atopar un fogar para os animais abandonados.

“É moi importante que en vez de mercar adoptemos unha mascota que teña sido abandonada” dixo a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, que recordou que o pasado ano “abandonáronse 138.000 cans e gatos en España. Son unhas cifras que asustan”.

Fronte a esta realidade a concelleira abogou por actividades como a próxima Xornada de Adopción e Tenencia Responsable, que vai xirar entorno a tres eixos: facer un chamamento á reflexión antes de incorporar un animal a familia; a necesidade de esterilizar para evitar camadas non desexadas e a obriga de identificar aos animais cun microchip.

A presidenta de Apmou, Inés Quintiáns, relatou o programa da xornada que terá lugar o domingo 30 de setembro, entre as 11,00 e as 21,00 horas. Entre as actividades previstas haberá unha pasarela para promover a adopción, ás 13,30 horas, un photocall e unha pasarela final (20,00 horas) na que os asistentes poderán desfilar acompañados polos seus amigos peludos.

A apertura será ás 11,00 horas e correrá a cargo da escritora Baia Fernández, madriña do evento e contará coa asistencia da concelleira de Sanidade, Sofía Godoy. Ás 11,30 horas terá lugar a primeira conferencia, «Cabalos, os nosos amigos esquecidos. Eles tamén teñen dereitos», a cargo de Ardai Izcali Fernández. Ás 12,30 horas, adopción de avós peludos, por Paula G. 13,30 horas.

Pola tarde as actividades comezarán cunha charla de Progape, Patrulla Callejera e Apmou, ás 17,00 horas. Unha hora máis tarde Adrián Paredes ofrecerá a conferencia «Protocolo de adaptación», para concienciar ás persoas que desexen adoptar unha mascota sobre as responsabilidades que conleva. A derradeira charla correrá a cargo do veterinario Miguel Gómez, ás 19,00 horas, que falará sobre “primeiros auxilios” para mascotas.

A presidenta de Progape, Area Cid, e a presidenta da Patrulla Callejera, Nani Castellanos, coincidiron no desexo de que esta actividade “non sirva para adoptar máis, senón para adoptar mellor”.

Deja una respuesta