Domingo 09 de Decembro de 2018

A Xunta promove talleres de condución cun simulador de alta inmersión para previr os accidentes laborais de tráfico


A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, colabora con Asepeyo nesta iniciativa que se desenvolve esta semana en Lugo e percorrerá en próximas datas o resto das provincias galegas
A Xunta colabora coa Mutua Asepeyo no desenvolvemento de talleres de condución nos que se conta cun simulador de alta inmersión co obxectivo de previr os accidentes laborais de tráfico, os sinistros in itínere. A iniciativa que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), enmárcase na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020 e no Plan de actividades do ISSGA 2018, co fin de sensibilizar sobre a necesidade de implantar plans de mobilidade viaria e así facer fronte á sinistralidade que xeran os accidentes de tráfico, para garantir que os desprazamentos sexan o máis sustentables, saudables e seguros posibles.

Nos talleres, dirixido ás empresas e a persoal técnico de compañías dedicadas á prevención de riscos laborais, os participantes teñen a oportunidade de experimentar cun simulador que recrea todo tipo de situacións, coñecer os conceptos básicos de seguridade viaria e as distintas situacións que se poden atopar no tráfico rodado e que permite avaliar as habilidades de condución.

Deste xeito, os participantes poden sentir como se conduce ante diferentes escenarios: en situacións meteorolóxicas adversas, en estado de embriaguez, somnolencia ou ante a inxesta de medicamentos. A experiencia contribúe a que sexan conscientes dos perigos durante os desprazamentos ao volante e o que se pretende é que os participantes transmitan o aprendido entre os seus compañeiros de traballo.

Os obradoiros terán lugar nos centros do ISSGA emprazados nas catro provincias galegas. Así, esta semana desenvólvese no de Lugo. O 2 de outubro iniciarase no centro da Coruña; o 30 de outubro no de Pontevedra; e o 13 de novembro no de Ourense.

O ISSGA participa nesta iniciativa co obxectivo de expandir a cultura preventiva e resaltar que a seguridade e a prevención deben ser valores que toda a sociedade teña arraigados en todos os ámbitos, e no viario en particular.

Deja un comentario