Sábado 21 de Setembro de 2019

Pardo de Cela, Concordia e parte de Valle Inclán e Avenida de Buenos Aires estarán pechados ao tráfico mañá para celebrar o “Día sen coches”


Xunto ao Pavillón desenvolveranse durante toda a xornada actividades de lecer, práctica de patíns e bicis e exhibicións deportivas

 

Con motivo da celebración do Día sen coches, mañá, sábado, 22 de setembro, pecharanse ao tráfico as rúas Concordia, Valle Inclán, no tramo comprendido entre Ramón Cabanillas e a Avenida da Habana, e Avenida de Buenos Aires, desde Concordia ate Avenida da Habana. Estas rúas do centro da cidade serán reservadas durante todo o día a uso peonil, coa única excepción de acceso a garaxes, aparcamentos e zonas de carga e descarga.

Tamén mañá, sábado, de 10 a 20h, pecharase ao tráfico a Avenida Pardo de Cela, desde a glorieta sita fronte ao Pavillón dos Remedios ata a Ponte Vella. Este espazo acollerá durante toda a xornada actividades de lecer, práctica de patíns e bicis e exhibicións deportivas Entre elas, de 10:00 a 13:00h haberá unha jinkana de bicicletas, unha carpa obradoiro de reparacións destes vehículos e un punto de información sobre o servizo municipal de préstamo Biciourense. Este último estará aberto tamén de 17 a 20h. A mesma rúa acollerá ás 19:00h a actividade “Ciclobibliotecas: contos con rodas”. O autobús urbano Mouchobus será de balde para toda a cidadanía.

Durante todo o día continuará aberta ao público a exposición fotográfica “combina e móvete” na rúa Curros Enríquez, fronte á Subdelegación de Goberno. Asimesmo, con motivo da celebración da Semana da mobilidade, ate mañá, sábado, non está permitido aparcar nas rúas Concordia, Avenida de Buenos Aires ata Vallen Inclán e Bedoya, ata Valle Inclán.

Deja un comentario