Mércores 12 de Decembro de 2018

Novos retos para a administración local no marco dos “Territorios Intelixentes”


A Deputación de Ourense acolle unha xornada que analiza o panorama da innovación tecnolóxica no ámbito local desde as perspectivas xurídica, social, da sociedade da información e das infraestruturas

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, inaugurou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a xornada “Territorios Intelixentes no eido local”, organizada pola Deputación de Ourense e o Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP). A xornada, á que asisten ao redor dun centro de cargos electos e técnicos da administración local, analiza o panorama da innovación tecnolóxica no ámbito local desde as perspectivas xurídica, social, da sociedade da información e das infraestruturas.

Na inauguración, na que tamén participou o director do OIRESP, Marcos Almeida, Rosendo Fernández dixo que o complexo panorama actual “presenta unha serie de desafíos aos que se teñen que enfrontar os territorios intelixentes, retos relacionados con tres sectores: no campo das infraestruturas, porque deben ser capaces de xerar e garantir o funcionamento desas novas infraestruturas para o desenvolvemento social; no ámbito da sociedade da información, en canto que estes territorios deben ser capaces de crear reservas de datos e xestionalas de maneira segura e eficaz, e tamén están obrigados a compartir as súas bases de datos para cumprir coas esixencias da Transparencia e o Goberno Aberto”.

O profesor Jean-Bernard Auby expuxo no seu relatorio os retos xurídicos dos Territorios Intelixentes, e o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, falou sobre a estratexia para o desenvolvemento do Proxecto “Provincia Intelixente”, un dos obxectivos específicos do Plan de Mandato “Ourense 15-19”. “O proxecto –explicou- desenvólvese en tres liñas: a administración electrónica provincial, a intelixencia de información provincial e a toma de decisións intelixentes, todo elo cunha vertente irrenunciable de cooperación e asistencia ás entidades locais, constituíndose a Deputación no “concello de concellos”.

Asemade, Suárez destacou o proxecto de implantación dun Sistema de Información que permita a tramitación telemática e a posta en marcha do expediente electrónico con cumprimento da nova Lei 39/2015, e lembrou que no marco do Plan Nacional de Territorios Intelixentes, a Deputación de Ourense vén de conseguir un financiamento de 3 millóns de euros para o proxecto “Hai un Ourense para ti: descóbreo”, dentro das accións de Turismo Intelixente do citado Plan Nacional. Asemade, adiantou que xa se traballa na liña de “Territorios Rurais Intelixentes”, para desenvolver proxectos que impulsen o desenvolvemento tecnolóxico rural para a súa mellora económica, social e ambiental, factores que contribúen a frear o despoboamento”.

Deja un comentario