Domingo 09 de Decembro de 2018

Boborás promociona cun traballo audiovisual a súa riqueza turística, histórica e natural


O Concello de Boborás co apoio da Deputación de Ourense presentou hoxe un traballo audiovisual para promocionar a riqueza turística, histórica e natural deste municipio ourensán, destacado pola importancia dos seus vestixios históricos e etnográficos. O vídeo, baixo o lema “Boborás, arte e natureza”, ofrece un percorrido polo arte, as construcións medievais, as termas, a arqueoloxía, a historia e a singularidade dos recursos naturais e medioambientais que ten este concello.

A presentación, que tivo lugar no Pazo Provincial, contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; da concelleira de Cultura, Turismo e Deporte de Boborás, Patricia Torres; e do coordinador do Plan Director de Turismo de Boborás, Emilio Cuiñas. Rosendo Fernández destacou “o grande berce histórico de Boborás, un territorio no que conflúen etnografía, tradición, cultura e un patrimonio histórico-artístico dos máis importantes, algo que é labor de todos seguir potenciando e defendendo”.

O vídeo, que será difundido polas redes sociais, segundo explicou Patricia Torres, pode visionarse na dirección web: https://m.youtube.com/watch?v=5PS2s9HddpI&feature=youtu.be

Deja un comentario