Xoves 30 de Xuño de 2022

O Concello inicia os trámites para que o vindeiro recibo do Imposto de Bens Inmobles se reduza noutro 10%, que se sumará ao que xa se aplicou no presente ano


Jesús Vázquez: “Por segundo ano consecutivo vaise reducir un 10% o recibo da contribución dos ourensáns, o que suporá un novo aforro para os petos dos nosos cidadáns de 2,7 millóns de euros”

O Concello inicia os trámites para que o vindeiro ano o recibo do Imposto de Bens Inmobles se reduza outro 10%, como xa se aplicou neste ano. A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles para o ano 2019. “Por segundo ano consecutivo vaise reducir un 10% a contribución dos ourensáns, o que suporá de novo un aforro para os petos dos nosos cidadáns de 2,7 millóns de euros”, informou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

Con este acordo, que estará en vigor no 2019 o Concello da un novo paso para reducir a contribución dos ourensáns “situando aos cidadáns como eixo principal das nosas actuacións, con medidas que melloren o seu día a dia e dando resposta ao noso compromiso por mellorar o día adías dos cidadáns, especialmente dos que máis o precisan”, explicou o rexedor.

A rebaixa do 10% no IBI para o ano 2019 vaise sumar á xa levada a cabo polo Grupo de Goberno e que os cidadáns xa puideron comprobar nos seus recibos neste 2018.

Tras este acordo abrirase un prazo de dez días hábiles para a presentación de alegacións.

Ademais deste asunto, na Xunta de Goberno Local aprobáronse outros dez asuntos. Destaca aprobación das bases do 11 Concurso Sabores de Ourense-Pinchos de Outono, que este ano terá lugar entre o cinco e o 18 de novembro. O alcalde apuntou que esta cita vaise converter nunha “oportunidade única para que os que viven e visitan a nosa cidade descubran e saboreen as propostas dos nosos profesionais da hostalería en base aos produtos típicos do outono: as castañas e os cogomelos”.

Os interesados en inscribirse nesta iniciativa do Concello, a través da Concellería de Turismo e Termalismo, e a Unión de Hosteleiros Ourensanos (UHO) terán ce prazo até o oito de outubro para inscribirse a través dun formulario na web do Concello (www.ourense.gal) ou da web www.saboresdeourense.turismodeourense.gal. A inscrición ten un custo de 50 euros.

No apartado de Avogacía Consistorial tratáronse cinco asuntos: un auto unha sentenza, dous emprazamentos e un requerimento.

O auto, ditado polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense, require ao Concello a dar os pasos necesarios para executar unha sentenza que obriga á demolición das traseiras dun edificio, por incumprimento da legalidade urbanística.

A sentenza, do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, anula os acordos que obrigan a unha particular a abonar a liquidación provisional dunha demolición, porque no transcurso da reclamación xudicial xa se executou dito derribo. A sentenza apunta que o que terá que pagar a recurrente é a liquidación definitiva das obras de demolición.

Os dous emprazamentos son por senllos procedementos a raíz de lesións por parte de particulares: na Avenida de Bos Aires e fronte ao Centro Cívico de A Ponte. Ademais, o Concello foi requerido a abonar unhas facturas polo arrendamento dun local.

No Servizo de Licenzas Urbanísticas, de Actividade, Apertura e Disciplina acordouse rectificar de oficio un acordo da XGL do 19 de xullo de 2018, relativo á incoación de expediente de revisión de oficio de acordos municipais relacionados coas licenzas da Praza de San Antonio. En consecuencia, o Concello incoa o expediente de revisión de oficio dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local o 5 de decembro do 2007 para a concesión de licenza de obra para a construción de vivendas e un aparcamento na Praza de San Antonio, así como das licenzas de ocupación e de apertura do aparcamento.

Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio desestimou unha reclamación de responsabilidade patrimonial dunha particular polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída na Avenida de Bos Aires, ao non ser o Concello a Administración competente para resolvela.

No apartado de Infraestruturas, recoñeceuse o abono do importe fixado polo Xurado de Expropiación de Galicia pola expropiación dunha parcela para construír os accesos ao centro comercial Carrefour.

Participación Cidadá e Seguridade Cidadá acordou a extinción do contrato de arrendamento dun local pola disolución da asociación de veciños que o ocupaba.

Deja una respuesta