Domingo 23 de Setembro de 2018

A Semana da Mobilidade arranca con graves deficiencias no servizo de bicicletas municipais


O obsoleto estado dos equipos informáticos provoca frecuentes caídas na rede que impiden ás usuarias acceder ao servizo

Ourense en Común avaliaba esta mañá como “deficiente” o servizo municipal de préstamo de bicicletas ás portas de comezar a Semana Europea da Mobilidade, e avanza que levará ao próximo pleno a necesidade de arranxar os computadores que xestionan os préstamos nas estacións, e ampliar o servizo para “que se expanda e dea cobertura real en toda a cidade”.

O grupo lamenta o estado dos equipos informáticos, abandonados durante anos, e sen repoñerse nin arranxarse antes de reactivar o servizo. “Ademais do intenso ruído que producen, as consecuencias están a afectar directamente ás persoas que utilizan as bicicletas. É frecuente que o sistema quede conxelado, e a estación desconectada da rede e fóra de servizo, impedindo o acceso ás bicicletas”.

Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, engade que “urxe ademais extender o servizo a toda a cidade, dar cobertura real en todos os barrios”, unha cuestión recollida entre as accións a curto plazo a executar coa posta en marcha do Móvete X Ourense, pero da que aínda non se deu orde á concesionaria do servizo para que empece a traballar na previsión e implantación das novas estacións.

“As accións do Móvete teñen que simultanearse para que empecemos a ver resultados a curto prazo. Ourense precisa urxentemente cambiar de modelo“.

Deja un comentario