Martes 13 de Novembro de 2018

A Deputación destina 470.000 € para obras de Infraestruturas, Medio Ambiente, Cultura, Deporte e Servizos Sociais nos concellos


A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe un total de 470.279 euros en axudas a concellos e entidades da provincia de Ourense, para desenvolver diversas actuacións en materia de Infraestruturas, Cultura, Medio Ambiente, Deporte e Servizos Sociais. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 14 de setembro de 2018.

En cooperación con entidades da provincia, aprobouse unha axuda de 19.000 euros para a Sociedad Deportiva Nogueira de Ramuín para os gastos da tempada 2017/2018; e dúas axudas para a Unión Deportiva Ourense: unha de 18.000 euros destinada aos gastos da tempada 2016-2017 e outra axuda de 25.000 euros para os gastos da tempada 2017-2018. Así mesmo, destinaranse 25.000 euros para a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da comarca de Verín para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2018.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para a Entidade Local Menor de Berán por importe de 14.800 euros, destinada a unha pasarela peonil no Balneario vello, así como para a adquisición dun xerador para facer os estudos necesarios para determinar as obras de conservación e mellora a executar no novo balneario de Berán para a súa posta en funcionamento.

Para o Concello de Cartelle aprobou unha axuda de 11.999 euros para a sinalización na rede viaria municipal, mentres que para o Concello de Cortegada, aprobou unha axuda de 30.000 euros destinada á programación cultural e deportiva do municipio, na que se enmarcan actividades como a Feira de Artesanía e do Porco Celta ou o Programa de dinamización cultural infantil con actividades de ocio e entretemento para os máis cativos durante as épocas de vacacións.

Continuando neste apartado, o Concello de Melón recibirá unha achega da Deputación de Ourense por importe de 8.115 euros, destinada á mellora de saneamento e canalización de regadío en Quins e, para o Concello da Merca, aprobouse unha axuda de 18.000 euros para a mellora de infraestruturas deportivas de Zarracós. Neste mesmo senso, na reunión aprobouse unha axuda de 44.999 euros para o Concello de Monterrei destinada ao arranxo de infraestruturas deportivas.

Pola súa parte, para o Concello de Muíños aprobáronse na xuntanza dúas axudas: unha de 18.546 euros para o equipamento do CEIP de Mugueimes, e a outra axuda por importe de 60.617 euros para a ampliación, reforma e equipamento da residencia “Virxe da Clamadoira”.

Para o Concello de Oímbra aprobouse unha axuda de 80.000 euros para adquisición de terreos para vivendas de promoción público, un proxecto municipal que ten como obxectivo atraer e asentar a xente no rural. Para o Concello de Padrenda aprobouse unha achega de 30.000 euros para desenvolver diversas actuación no ámbito medioambiental en diferentes localizacións do municipio, mentres que para o Concello da Peroxa, aprobouse unha axuda de 40.000 euros para a rehabilitación de vivendas.

Por último, para o Concello de Punxín aprobouse unha axuda de 8.203 euros para a mellora do abastecemento e saneamento en Viñao, mentres que para o Concello de Xunqueira de Ambía aprobouse unha achega de 18.000 euros para a substitución da depuradora no lugar da Pousa por unha de menor tamaño.

Deja un comentario