Domingo 23 de Setembro de 2018

Ourense é a única cidade de Galicia seleccionada para a posta en marcha dun ambicioso proxecto de turismo intelixente, dotado con 2,9 millóns de euros


Jesús Vázquez: “Ourense: Capital Termal Intelixente é un programa moi ambicioso co que nos imos converter nunha referencia a nivel nacional en canto á atención aos turistas, pero cuxos beneficios tamén van chegar ao resto de cidadáns que se van beneficiar dunha auténtica revolución no uso das novas tecnoloxías

 

Ourense é a única cidade galega que porá en marcha un proxecto de turismo intelixente despois de que o Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital, seleccionase o proxecto do Concello “Ourense: Capital Termal Intelixente” na última convocatoria do Plan Nacional de Territorio Inteligentes de la Agenda Digital para España. A proposta presentada polo Concello de Ourense permitirá aproveitar o potencial das novas tecnoloxías para converter a nosa cidade nun destino turístico máis atractivo e crear unha plataforma urbana que ofreza información, e integre diversos recursos e servizos públicos en beneficio dos turistas e do resto de cidadáns.

O proxecto, aprobado no marco da convocatoria do “Plan Nacional de Territorios Inteligentes de la Agenda Digital para España” conta cun orzamento de 2.908.410,93 euros, dos que o Concello asumirá o 40% e o resto correrá a cargo do Ministerio.

A través de diversos eixos de actuación baseados no uso das novas tecnoloxías esta proposta permitirá coñecer e dar resposta as necesidades dos turistas que visitan a nosa cidade; impulsar o desenvolvemento do sector turístico e facilitar o día a día dos ourensáns en cuestións coma o servizo de bicis, a ORA ou o pago de taxas municipais.

“Con este proxecto Ourense da un paso de xigante na súa aposta polo termalismo coma motor económico da nosa cidade. Imos coñecer mellor aos que nos visitan e o que lles interesa, para ofrecerlles o que demandan e que teñan unha óptima experiencia turística”, explica o alcalde Jesús Vázquez.

O rexedor destaca que esta información “ademais de orientar ao Concello á hora de ofrecer servizos tamén servirá para impulsar iniciativas privadas” como programas turísticos ou ofertas en restaurantes e servizos de ocio.

“É un programa moi ambicioso co que Ourense vaise converter nunha referencia a nivel nacional en canto á atención dos seus visitantes, pero cuxos beneficios tamén van chegar ao resto de cidadáns que se van beneficiar dunha auténtica revolución no uso das novas tecnoloxías”, sinala Vázquez.

Neste mesmo sentido o concelleiro de Termalismo e Promoción Económica, Jorge Pumar, destaca que “o obxectivo deste programa é que a cidade e o seu entramado turístico público e privado estean preparados para recibir a un turista que está híper conectado e que ten acceso a todo tipo de información a través das redes”.

Eixos de actuación.

O programa conta con varios eixos de actuación. Destaca “Smart Termas, un proxecto piloto para converter nun “territorio intelixente” as termas de Outariz e do Muíño da Veiga. Ambas contarán con wifi e equipamentos tecnolóxicos que permitirán aos seus usuarios coñecer en tempo real a temperatura da auga, datos meteorolóxicos ou incluso a suba do caudal do río. Ademais ambas instalacións contarán con farolas para recargar móbiles.

O proxecto conta tamén coa instalación de elementos tecnolóxicos que permitan estreitar a comunicación entre os usuarios e o Concello. A través dunha app multiplataforma faranse chegar datos sobre as termas, eventos que se celebran n a cidade oi incluso información sobre ofertas das empresas privadas. Os usuarios poderán facer valoracións, solicitar servizos e facer suxestións.

Outras das propostas deste ambicioso programa consistirán na implantación dun sistema intelixente de iluminación entre as termas de A Chavasqueira e o aparcadoiro de Outariz (5 quilómetros) que suporá un aforro dun 30% da factura da luz neste entorno.

Crearase un smart parking nas termas de Outariz e do Muíño e na zona histórica da cidade, que axudará a atopar prazas libres nestes entornos.

Ourense: Capital Termal Intelixente tamén aposta pola modernización das oficinas de turismo (coa posibilidade de recarga de móbiles e videowall); a colocación de pantallas interactivas e a dotación de wifi en 50 puntos da cidade.

Ademais se porá en marcha unha tarxeta turística para facilitar o acceso a museos e descontos en materia de ocio e restaurantes, servizos dos que tamén poderán beneficiarse o resto de cidadáns.

Deja un comentario