Domingo 23 de Setembro de 2018

O Concello presenta o borrador da Ordenanza do Botellón, que aposta pola prevención e que se abrirá ás aportacións de todos os grupos políticos


“Con este documento afondamos no noso modelo de cidade ourensanamente saudable, que contempla atender a saúde da nosa poboación como eixo prioritario”, dixo o alcalde Jesús Vázquez

O Concello de Ourense presentou na Xunta de Goberno Local o borrador da Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia Cívica e a Protección da Saúde derivada do consumo, venta, publicidade ou promoción de bebidas alcohólicas, un documento que será presentado a todos os grupos políticos para poidan engadirlle as súas aportacións, e que recolle medidas preventivas, limitacións e sancións para previr o consumo de bebidas alcohólicas nos espazos públicos.

“Con este documento afondamos no noso modelo de cidade ourensanamente saudable, que contempla atender a saúde da nosa poboación como eixo prioritario”, dixo o alcalde Jesús Vázquez durante a rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno Local.

O borrador, dirixido dende a Concellería de Sanidade, é froito dun intenso traballo transversal que conta coas aportacións de diversos departamentos coma Sanidade, Educación, Xuventude… co gallo de dar unha resposta ampla, poliédrica e consensuada a un problema común a toda a sociedade española.

A ordenanza contén 18 artigos que regulan a convivencia cívica e a protección da saúde poñendo o foco sobre o aspecto preventivo. Nesta liña, o articulado recolle 12 medidas preventivas que se centran fundamentalmente na intervención socioeducativa con mozas e mozos para inculcarlles hábitos de vida saudables, potenciando o concepto de ocio saudable e desligando a idea de diversión e consumo de alcohol.

Outra parte das propostas van dirixidas ao sector da hostalería, especialmente a través da posta en marcha de actividades de formación e sensibilización.

O capítulo referido a limitacións recolle as prohibicións da promoción e venda de bebidas alcohólicas en espazos nos que o público sexa menor de idade. Un artigo regula específicamente a práctica do botellón. Queda prohibida a venta e consumo de alcohol na rúa, salvo en terrazas e veladores; ou cando exista expresa autorización municipal.

No referente ás infraccións, o borrador recolle un artigo que posibilita a substitución da sanción pola inclusión en programas formativos ou a realización de servizos en beneficio da comunidade.

A Xunta de Goberno Local recibiu un informe sobre este texto como paso previo a darlle o borrador aos grupos políticos municipais para que fagan as súas aportacións. “Estamos falando dun problema de cidade, e por iso queremos o máximo consenso”, abundou Jesús Vázquez.

Unha vez consensuado o borrador, elaborarase o proxecto definitivo da ordenanza para a súa aprobación en Xunta de Goberno Local. A continuación remitirase á Comisión do Pleno, que abrirá un prazo de dez días para a presentación de emendas.

Os seguintes pasos para a súa aprobación serán o ditame do proxecto pola Comisión e elevación ao Pleno e a aprobación inicial polo Pleno. Despois abrirase un prazo de información publica de 30 días hábiles, como mínimo.

No caso de que ninguén presentase alegacións, quedaría automáticamente aprobado. No caso de que houbese alegacións, a Comisión do Pleno procederá a valoralas. Tanto nun caso coma noutro, a Comisión elevará ao Pleno unha proposta para a súa votación final por parte de todos os membros da Corporación.

Deja un comentario