Xoves 15 de Novembro de 2018

O Concello anima á cidadanía a tomar as rúas este sábado no Entroido de Verán, que volverá a situar a Ourense coma Capital do Entroido en Galicia


O centro histórico será o eixe da festa, cun desfile, concursos de disfraces, actuación de charangas e música de DJ´s

 

O Concello de Ourense convida á cidadanía a participar no Entroido de Verán, que se desenvolverá este sábado nas rúas do centro histórico da cidade. Unha celebración que pretende poñer á disposición de veciños e visitantes unha proposta lúdica e de lecer no remate do verán na cidade, ao tempo que reivindicar que Ourense é a Capital do Entroido en Galicia e referente desta festa popular, unha das máis singulares, participativas e divertidas de cantas se desenvolven ao longo do ano na cidade.

A participación cidadá é o eixe desta festa, e por este motivo o Concello convida a cidadanía a que se sume á celebración, se disfrace e achegue ás rúas do casco vello para participar nas actividades programadas: coma os concursos e o desfile, que sairá ás 21,00 da Praza Maior.

O Concello recuperou para o verán esta festa, en resposta á demanda de moitos cidadáns que desexaban trasladar aos meses de máis calor unha festa que se vive intensamente nas rúas a pesares de ter lugar nos meses máis fríos do ano.

Por este motivo, o entroido de verán fará especial fincapé nas actividades de rúa, transformando espazos públicos en escenarios de festa e troula. Nesta edición a animación correrá a cargo de catro charangas: Xituma Batuke, Albor, Os Caliqueños e Doctor Anchoa, que animarán as rúas da zona histórica até dende o inicio do desfile, ás 21,00 horas coa reunión dos participantes até as 2,00 horas. Pola noite a festa concentrarase na Praza do Correxidor, onde a música correrá a cargo de diversos dj’s entre as 11,00 e as 3,30 horas.

Este ano o Entroido de Verán repartirá 1.975 euros en premios. Na categoría individual, o mellor disfraz recibirá 200 euros; o segundo clasificado recibirá 150 euros, e o terceiro 100 euros. Tamén haberá cinco accésits de 50 euros.

Na categoría de parellas os gañadores recibirán un premio de 200 euros; 150 euros os segundos clasificados e 100 euros os terceiros. No caso dos grupos, o importe do primeiro premio ascenderá até 350 euros; 250 euros para os segundos clasificados; e 150 euros para os terceiros. A contía do premio para a mellor foto colgada no Facebook “Entroido de Verán en Ourense” será de 75 euros.

O desfile do Entroido de Verán será a partires das 21,00 horas polas rúas da zona histórica da cidade. Os participantes farán un percorrido pola Praza Maior, Lamas Carvajal, a praza de Santa Eufemia, a rúa da Paz, a praza do Ferro, a rúa dos Fornos e a Praza do Correxidor, para que un xurado valore os disfraces.

Deja un comentario