Luns 19 de Agosto de 2019

Ourense en Común pedirá no pleno aumentar o número de bolsas para comedor, libros e material escolar


O Partido Popular reduciu a partida destinada a estas axudas e fixo máis restritivo o acceso ás mesmas, deixando fóra nos últimos anos a máis do 30% das solicitantes

Ourense en Común avanzaba esta mañá que solicitará no pleno unha maior dotación para que as becas destinadas a comedor, libros e material escolar, “cubran o 100% da demanda e ninguén quede fóra”.
Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, lembra que “xa no curso pasado o denunciamos, tres de cada dez familias non recibiron ninguna destas axudas, aínda cumprindo os requisitos para acceder a un recurso que é fundamental para elas, e especialmente para os membros máis vulnerables da casa, os menores”. Ourense en Común pedirá por isto ao goberno de Jesús Vázquez “que corrixa a situación, antes de que interfira no correcto desenvolvemento do curso escolar para máis de 200 nenos e nenas”.
O grupo entende como “de vergoña e insuficiente” a cantidade de 243.000 euros que o Concello de Ourense destina actualmente a estas axudas, “que sufriron o recorte do Partido Popular”, e compara coas partidas de outras cidades para estas becas, que chegan ate os 1,5 millóns de euros en Coruña ou os 600.000 euros de Santiago. “Cos gobernos da Marea Atlántica e Compostela Aberta se multiplicou por tres o gasto destinado a estas axudas. En Ourense, reducíronse nun 25%”.
O grupo explica que o Partido Popular “recortou en case 100.000 euros a dotación que se reflexaba no orzamento municipal vixente, o de 2014” e cuestiona “a onde foi parar ese diñeiro”, poñendo o foco na mala xestión económica que arrastran as áreas sociais do Concello nas mans de Sofía Godoy, con “partidas orzamentarias esgotadas e incontables débedas”.
Precisamente ao respecto da edil popular que dirixe as áreas de Benestar Social, Sanidade, Igualdade, Xuventude e Voluntariado, Ourense en Común asegura que vixiará de perto a Godoy, “xa pedimos a súa dimisión, están sobrepasados todos os límites, está en risco a estabilidade municipal, e está en xogo o respaldo ás persoas con menos recursos da nosa cidade, a quinta de Galicia con máis pobreza”.

Deja un comentario