Martes 20 de Novembro de 2018

As irregularidades na RPT denunciadas por Ourense en Común chegan aoTribunal Superior de Xustiza de Galicia


O alto Tribunal galego admite a trámite o recurso contencioso-administrativo, e no 2019 podería concluír a nulidade da modificación Relación de Postos de Traballo

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, a edil de Ourense en Común, Montserrat Valencia, anunciaba a admisión a trámite do recurso contencioso-administrativo contra o Concello de Ourense sobre a Relación de Postos de Traballo, presentado polo grupo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ademais das dez alegacións presentadas polo grupo pola vía administrativa no Concello, aínda pendentes de resposta, o grupo anunciaba tamén no alto Tribunal galego un recurso contencioso-administrativo, denunciando “erros, irregularidades, incoherencias, arbitrariedades e incluso ilegalidades” na modificación da RPT aprobada polo Partido Popular en Xunta de Goberno Local.
A auditoría sobre o documento, contratada por Ourense en Común a un equipo de expertos en Economía Aplicada e consultoría institucional, e sobre a que se basea o recurso no TSXG, evidencia en máis de oitenta páxinas o “interese premeditado” do Partido Popular en aprobar unha RPT coa que “perpetuar os centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense”.
Ademais de eludir a competencia do pleno para aprobar o documento, o goberno de Jesús Vázquez quere modificar a RPT “sen dar un sentido organizativo que busque a eficiencia dos recursos humanos municipais”, explicaba Montserrat Valencia, “é unha mera relación de servizos e postos, deseñada únicamente para regularizar unha situación irregular, para manter unha rede clientelar e a estrutura de poder que afunde Ourense”.
O grupo solicitará, como medida cautelar, que a modificación artellada polo Partido Popular non entre en vigor ate que non se resolva o recurso; unha sentenza que podería chegar en 2019 e concluír a nulidade da nova RPT .

Deja un comentario