Domingo 22 de Setembro de 2019

As piscinas de Castrelo de Miño están en perfectas condicións


Non hai cortinas de fume que poidan eclipsar o éxito do verán 2018 en Castrelo de Miño

 

Este verán de 2018 Castrelo de Miño foi o destino preferido dos bañistas da provincia de Ourense, que ateigaron cada día da semana as piscinas, e tamén os pantaláns e a zona de baño do propio río Miño, considerada como zona de baño de calidade excelente pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O grupo de goberno do BNG considera que as declaracións realizadas pola concelleira do PSOE pretenden ser unha cortina de fume para tentar ocultar o éxito turístico do parque náutico de Castrelo, e de todas as actividades deportivas, náuticas, culturais e músicais realizadas polo Concello de Castrelo de Miño durante a temporada estival de 2018, a mellor da historia de Castrelo de Miño.

Ante as declaracións realizadas  a distintos medios pola concelleira do PSOE de Castrelo de Miño Catalina González, nas que manifesta unhas supostas deficiencias nas piscinas municipais, desde o concello de Castrelo de Miño fanse as seguintes aclaracións:

Ao equipo de goberno do BNG, sorpréndelle que a portavoz socialista faga estas declaracións xusto no derradeiro fin de semana da tempada estival de apertura. As piscinas levan todo o verán abertas e non se recolleu ata o dia de hoxe, nin nas oficinas municipais nin nas propias instalacións, nin unha soa reclamación ou queixa por parte de ningún usuario. Ao contrario, o que se teñen recollido son felicitacións polo bo estado e mantemento das instalacións, que constan de dous vasos de baño (adultos e infantil), zona de praia con céspede natural e vestiarios con aseos.

Plan de autocontrol e perfecto estado de limpeza dos aseos e vestiarios.
Estas instalacións municipais dispoñen dun Plan de Autocontrol onde se recollen e se cumpren todas as normativas sanitarias esixidas para a súa apertura.
Neste protocolo recóllense entre outros, as fichas que son cubertas diariamente polo persoal de limpeza, indicando nome do operario, dia, hora e produtos hixiénicos empregados na limpeza dos vestiarios e aseos realizada cada día. Polo tanto son manifestamente falsas as declaracións da concelleira do PSOE, como se pode demostrar con datos oficiais.
Os vestiarios non presentan ningún estado de abandono como ela manifesta, e están sendo utilizados permanentemente polos bañistas. Cunha simple visita ás instalacións en calquer momento do día se pode comprobar o perfecto estado de limpeza, tanto visual, como olfativamente.

Calidade excelente da auga dos vasos e controis analíticos realizados diariamente e expostos ao público.
En canto ás manifestacións realizadas sobre a calidade das augas dos vasos das piscinas, onde a concelleira do PSOE se atreve a dicir «ya que, según comentaron los usuarios, llega directamente del embalse sin ningún tipo de tratamientro de cloración», Catalina González mostra o seu absoluto descoñecemento sobre o funcionamento dunha instalación pública como a piscina municipal, e que como concelleira debería saber.

No Protocolo de Autocontrol recóllense a descrición do tratamento das augas dos vasos das piscinas, e detállase o procedemento de tratamento. A auga dos vasos, procede da rede de distribución e pasa entre outros polo prefiltro, vaso de compensación, bomba dosificadora de cloro, filtro de areas, e boquillas impulsoras antes de entrar aos vasos que usan os bañistas.
Os tratamentos que recibe a auga neste proceso consiste en cloración mediante un sistema automático de bombeo con hipoclorito sódico líquido, regulación de Ph, e floculación.

Os criterios de calidade da auga dos vasos que se controlan varias veces ao dia, inclúen os seguintes parámetros: pH, transparencia, turbidez, tempo de recirculación, cloro libre residual, cloro combinado residual e controlos microbiolóxicos.
Todos estes datos son tomados varias veces cada día, e anotados nas fichas correspondentes que forman parte do Plan de Autocontrol, e que están expostos ao público e calquer usuario pode consultar no taboleiro de anuncios da piscina.

Polo tanto, cunha simple visita ás instalacións municipais (algo que a concelleira do PSOE non debeu facer antes de emitir a nota de prensa) se pode comprobar o perfecto estado de limpeza dos vestiarios e aseos, e a transparencia e calidade da auga de baño das piscinas, controladas sanitariamente seguindo todos os protocolos oficiais, e expostos ademáis ao público no taboleiro de anuncios da piscina.
Non hai cortinas de fume que poidan eclipsar o éxito do verán 2018 en Castrelo de Miño.
O grupo de goberno do BNG considera que as declaracións realizadas pola concelleira do PSOE pretenden ser unha cortina de fume para tentar ocultar o éxito turístico do parque náutico de Castrelo, e de todas as actividades deportivas, náuticas, culturais e músicas realizadas polo Concello de Castrelo de Miño durante a temporada estival de 2018, a mellor da historia de Castrelo de Miño.
Este verán de 2018 Castrelo de Miño foi o destino preferido dos bañistas da provincia de Ourense, que ateigaron cada día da semana as piscinas, e tamén os pantaláns e a zona de baño do propio río Miño, considerada como zona de baño de calidade excelente pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Deja un comentario