Xoves 15 de Novembro de 2018

Medio cento de escolares da cidade gozan dunha semana de lecer e de natureza grazas ao campamento que organizan Concello de Ourense e Xunta de Galicia


A concelleira de Asuntos Sociais e de Xuventude, Sofía Godoy, despediu esta mañá a nenos e nenas, de entre 9 e 14 anos de idade, que hoxe saíron cara a Porto do Son

Medio cento de nenas e nenos da cidade participan desde onte no Campamento infantil e xuvenil, que organiza o Concello de Ourense, a través das Concellerías de Xuventude e de Asuntos Sociais na localidade coruñesa de Porto do Son, cofinanciado pola Xunta de Galicia. A concelleira Sofía Godoy saudou esta mañá os nenos e as nenas que saíron desde a Praza Maior cara o campamento Virxe de Loreto, onde gozarán ata o día 28 de agosto dunhas vacacións cheas de actividades de lecer.
Un total de 28 participantes proceden de familias usuarias dos servizos sociais do Concello e 23 solicitaron a inscrición na Concellería de Xuventude. As idades son entre 9 e 14 anos. Así, a actividade ten como finalidade achegarlles ás familias unha alternativa para conciliar a vida laboral e familiar dun xeito distendido durante as vacacións de verán.
O campamento está deseñado para gozar do tempo libre, a través de actividades creativas e de contacto coa natureza, neste fermoso enclave situado na parte sur da ría de Muros-Noia. Preténdese que nenos e nenas adquiran coñecementos, hábitos e valores, aprender en contacto coa natureza, e vivir a experiencia de convivir con compañeiros e compañeiras de forma relativamente autónoma.
Esta tarde instalaranse no campamento, e realizarán os primeiros xogos de presentación, confianza e cooperación. Desde mañá o programa inclúe un amplo abano de actividades: náuticas, teatro, xogos deportivos, como tiro con arco, equilibrio en corda tensa, xincanas con auga, xogos interculturais, bailes como break dance, circo, actividades de orientación, arte con area, deportes inclusivos, xogos na praia así como unha actividade dun día de duración en Porto do Son na que nenos e nenas terán que ir superando diferentes probas interactuando coa veciñanza, ate rematar o día 28 cunhas olimpíadas.
Cada noite, trala cea, terá lugar a asemblea, espazo activo de fala e escoita entre nenos e nenas participantes, e veladas e contos de igualdade. Un equipo de monitores/as titulados/as velará polo bo desenvolvemento do campamento, cun trato personalizado para atender as necesidades da rapazada.

Deja un comentario