Sábado 20 de Outubro de 2018

O proxecto Geoatlantic investiga o subsolo de Ourense para analizar o potencial dos gases das augas termais


O proxecto europeo, liderado desde o Concello de Ourense, pon en marcha os labores de I+D recollidos na iniciativa europea
O centro de investigación do Instituto de Enerxías Renovables de Tenerife (ITER) está a realizar, no marco do proxecto Geoatlantic liderado polo Concello de Ourense, a análise das augas dos mananciais termais da nosa cidade. Durante quince días, os traballos de investigación porán o foco nos gases disoltos en ditas augas co gallo de complementar o coñecemento que posuímos sobre elas e de analizar novas oportunidades de uso. Con este motivo, esta mañá celebrouse unha reunión de traballo na que participou Nemesio M. Pérez, director da División de Medio Ambiente do ITER, co alcalde en funcións, José Araújo, e co concelleiro de Promoción Económica e Turismo-Termalismo, Jorge Pumar.
“Esta investigación complementa todos os traballos que se están realizando e ten, como finalidade última, a de coñecer ao máximo todas as propiedades da auga termal e seguir desenvolvendo iniciativas que permitan darlle un mellor servizo aos cidadáns e posicionar Ourense como referente do ámbito termal e turístico”, aseguraba o concelleiro Jorge Pumar tras a reunión.
Pola súa banda, o alcalde en fincións, José Araújo, valoraba moi positivamente a reunión “para coñecer os pasos actuais da investigación e os seguintes pasos onde Ourense será sede dun procedemento innovador novo para coñecer as potencialidades xeotérmicas do noso chan”, dixo.
Coñecer “a composición química e isotópica dos gases do subsolo” é o motivo da viaxe do ITER á nosa cidade. Así o aseguraba o profesor Nemesio M. Pérez, quen avanzaba que só é o primeiro paso nunha investigación orientada a sacarlle o máximo rendemento ás augas termais.
Espazo Atlántico. O obxectivo xeral do programa Espazo Atlántico, cofinanciador do proxecto, é dar solucións para responder a desafíos rexionais no ámbito da innovación, eficiencia dos recursos, o medio ambiente e os bens culturais, apoiando o desenvolvemento rexional e o crecemento sustentable.
Como parte da Política de Cohesión da Unión Europea, o Programa INTERREG Espazo Atlántico apoia proxectos de cooperación transnacional en 37 rexións Atlánticas de cinco países: Francia, Irlanda, Portugal, España e Reino Unido, contribuíndo aos obxectivos en materia de cohesión económica, social e territorial.

Deja un comentario