Luns 17 de Decembro de 2018

Jesús Vázquez analiza co alcalde da localidade turca de Karesi vías para mellorar as relacións económicas, culturais e sociais que manteñen ambas cidades


Os representantes da Cámara de Comercio da provincia de Balikesir confirmaron a súa intención de facer unha misión empresarial a Ourense

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o seu homólogo da cidade turca de Karesi, Yücel Yilmaz, analizaron diferentes vías para estreitar os vínculos que ambas localidades manteñen dende o ano 2015. Ambos mandatarios destacaron as potencialidades das súas respectivas localidades e visitaron a Cámara de Comercio da provincia turca de Balikesir, cuxos responsables confirmáronlle ao rexedor ourensán a súa intención de facer unha misión empresarial á nosa cidade.

Vázquez e Yilmaz mantiveron unha reunión de dúas horas na primeira xornada da viaxe institucional que o rexedor ourensán está a realizar á provincia turca de Balikesir, invitado pola localidade de Karesi para participar nun encontro internacional que contará coa participación de alcaldes de Turquía e de outros países.

Durante o encontro, os dous alcaldes compartiron información sobre os seus respectivos concellos na busca de novas vías de colaboración entre Ourense e a provincia turca, que conta cunha poboación de 1,2 millóns de habitantes, dos que 300.000 residen na área metropolitana.

Ao termo do encontro, o rexedor ourensán mostrouse “moi orgulloso de poder fortalecer os vínculos entre Karesi, Balikesir e Ourense” grazas á invitación e “hospitalidade do seu alcalde, Yücel Yilmaz, co que mantemos unha excelente relación institucional”.

Pola súa banda, Yilmaz destacou a “oportunidade” deste encontro para que ambos rexedores puidesen compartir información sobre as súas cidades, e realizar “consultas mutuas” que lles axuden a “mellorar as nosas relacións económicas, culturais e sociais”.

Ambos mandatarios tamén visitaron as instalacións da Cámara de Comercio de Balikesir, onde foron recibidos polo seu presidente, Rahmi Kula, e polo Comité Executivo da entidade. Os representantes da Cámara de Comercio confirmaron que farán unha misión empresarial a Ourense para estudar a posibilidade de estreitar lazos económicos e poñer en marcha de proxectos na nosa cidade.

O alcalde de Ourense ten previsto reunirse mañá co presidente da Universidade de Balikesir, ao que lle trasladará as posibilidades de colaboración co Campus de Ourense.

O rexedor destaca que a invitación para participar nun encontro con alcaldes turcos e de terceiros países é “unha oportunidade única para tender pontes de colaboración” con outras localidades e para dar a coñecer as oportunidades que ofrece Ourense, a súa riqueza cultural, gastronómica, como destino de congresos ou para a posta en marcha de proxectos empresariais.

As relacións entre Ourense e Karesi xurdiron no ano 2015 a raíz dun proxecto europeo conxunto na nosa cidade entre Finlandia, Grecia, Turquía e España, para a posta en marcha dun sistema da avaliación externa de calidade da educación nos centros educativos europeos, e que se desenvolveu nas instalacións da Escola Oficial de Idiomas.

Deja un comentario