Sábado 18 de Agosto de 2018

Deputación, Concello de Lobios e Fundación San Rosendo promoven a construción dunha residencia para persoas maiores


Manuel Baltar, María del Carmen Yáñez e José Luís Gavela asinaron un convenio de colaboración que ten como obxectivo a edificación deste centro con capacidade para 80 prazas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar asinou  en Lobios, un convenio de colaboración coa alcaldesa do municipio, María del Carmen Yáñez; e co presidente da Fundación San Rosendo, José Luís Gavela, que ten como obxectivo promover a construción dunha residencia para persoas maiores no municipio de Lobios con capacidade para atender ao menos a 80 persoas.

Esta nova alianza permitirá non só a creación dunha residencia con 80 prazas, senón tamén a “creación de preto de 35 postos de traballo que van a dinamizar económica e socialmente esta vila, na que a Fundación San Rosendo xa conta cun evidente protagonismo coa xestión do Balneario de Río Caldo”, sinalou Baltar.

Coa sinatura deste convenio, na que tamén estivo presente o presidente de honra da da Fundación San Rosendo, Benigno Moure, materializamos “un proxecto longamente demandado polo Concello de Lobios no que a Deputación colabora economicamente de forma rotunda, tendo en conta o bo estado das finanzas provinciais”, explicou Baltar, quen agradeceu a colaboración da Fundación San Rosendo que “non só vai a construír a Residencia, senón que tamén encargarase da xestión desta importante infraestrutura”.
Para tal fin, a Deputación de Ourense destinará unha achega de 400.000 euros para financiar o custe da Residencia, achega que se incluíu nos orzamentos da institución provincial no Pleno do mes de abril deste ano.

Pola súa parte, a Fundación San Rosendo comprométese a proxectar e construír unha residencia con capacidade para 80 prazas asistidas coas salas necesarias e tódalas instalacións complementarias de acordo á normativa vixente. Así mesmo encargarase de poñer en funcionamento e xestionar este centro, e de contratar á maioría dos traballadores entre os residentes de Lobios que teñan os cursos de formación que se realizarán para tal fin. Por último, terán preferencia para entrar neste centro os residentes no Concello de Lobios.

O Concello de Lobios asume, coa sinatura deste convenio, a cesión dos terreos necesarios para a construción da residencia, tramitar a preceptiva licenza de obras e actividade á Fundación San Rosendo, dotar o terreo no que se construirá o complexo das dotacións correspondentes de auga, sumidoiros, acceso rodado con pavimentado de beirarrúas, peches e urbanización de viais, incluso do aparcadoiro.

Deja un comentario