Domingo 21 de Outubro de 2018

Jesús Vázquez inicia unha viaxe institucional á cidade turca de Karesi para reforzar os lazos de colaboración abertos entre ambas cidades dende o ano 2015


 

O rexedor resposta a unha invitación oficial realizada pola localidade turca con motivo dun acto no que participarán alcaldes de diversas localidades turcas e de terceiros países

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, inicia  unha viaxe institucional á localidade turca de Karesi, co obxectivo de reforzar os lazos de colaboración entre as dúas cidades, e no que ten previsto unha serie de encontros con representantes da Universidade e do empresariado local para darlles a coñecer as posibilidades que ofrece a nosa cidade.

A visita responde a unha invitación oficial realizada por Yücel Yilmaz, alcalde da localidade situada na provincia turca de Balikesir, quen xa visitou a nosa cidade en setembro de 2016, e que convidou ao rexedor ourensán a participar nun encontro internacional organizado polo concello turco que reunirá a alcaldes de Turquía e de outros países.

Jesús Vázquez ten previsto reunirse co alcalde da localidade de Karesi para estudar a posta en marcha de proxectos que permitan reforzar os nexos que actualmente manteñen ambas cidades. Pero tamén están programados encontros cos mandatarios do resto das cidades participantes no acto para darlles a coñecer Ourense en diversos eidos como o turismo e o termalismo.

Para o rexedor ourensán trátase “dunha oportunidade magnífica para que Ourense presente as súas potencialidades ante os máximos responsables das cidades turcas e de outros países que participarán neste encontro”, así como “unha oportunidade para abrir novas fiestras de colaboración”.

O rexedor dará a coñecer aos participantes neste encontro as oportunidades que ofrece Ourense, o seu legado artístico e histórico, a súa riqueza termal, o seu potencial turístico e as oportunidades para establecer relacións empresariais.

Ademais dos encontros institucionais con alcaldes turcos e doutras nacionalidades, durante a súa estancia Jesús Vázquez reunirase co presidente da Universidade de Balikesir, ao que lle transmitirá as posibilidades de colaboración que ofrece o Campus de Ourense; e manterá encontros con empresarios e coa Cámara de Comercio de Balikesir.

As relacións entre Ourense e Karesi xurdiron no ano 2015 a raíz dun proxecto europeo conxunto na nosa cidade entre Finlandia, Grecia, Turquía e España, para a posta en marcha dun sistema da avaliación externa de calidade da educación nos centros educativos europeos, e que se desenvolveu nas instalacións da Escola Oficial de Idiomas.

Entre os seus obxectivos, a viaxe institucional tamén analizará a busca de proxectos comúns entre ambas cidades nos que se siga a contar coa colaboración da Escola Oficial de Idiomas.

Deja un comentario