Sábado 18 de Agosto de 2018

O Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires e o Centro Ourensano de Montevideo, premio Ourensanía 2018


O xurado do premio, reunido hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas baixo a presidencia de Manuel Baltar, ditaminou concederlle o galardón a estas dúas institucións por “promover a ourensanía na colectividade galega de ambos países”

O Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires e o Centro Ourensano de Montevideo veñen de ser recoñecidos co VIII Premio “Ourensanía”, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. O xurado do premio, reunido hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas baixo a presidencia de Manuel Baltar, ditaminou concederlle o galardón a estas dúas institucións por “promover a ouresanía na colectividade galega de ambos países”, recolle a acta do xurado.

“A ourensanía non só esta presente na provincia de Ourense, senón que chega a tódalas partes do mundo alá onde hai un ourensán”, sinalou o xurado do galardón que, neste mesmo senso destacou “a singularidade ourensá, dentro da diáspora galega, tense manifestado a través de institucións que marcaron un tempo, o da emigración masiva a América, no que Ourense estivo moi presente”. Tal é así que destacados galeguistas ourensáns, como Rodolfo Prada, albacea de Castelao, “propulsaron a creación nos anos 40 do Centro Ourensano de Bos Aires. Esta institución provincial foi o epicentro da política antifranquista e a casa común do galeguismo ata o punto de que o propio Castelao estableceu alí o seu despacho. E, desde o centro ourensano desenvolveu o seu labor político e artístico no exilio bonaerense ao longo dunha década”, engadiu o xurado do premio.

“Fusionados nos anos 80 os catro centros provinciais (o coruñés, o lucense, o pontevedrés e o ourensano) nunha única institución, o Centro Galicia de Bos Aires, a ourensanía pervive en ambas cidades da Plata, Bos Aires e Montevideo, a través destas institucións galardoadas: o Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires e o Centro Ourensano de Montevideo”, sinala a acta do xurado.

O Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires cumprirá o seu centenario no mes de novembro deste ano, mentres que o Centro Ourensano de Montevideo, que abriu no ano 1946, leva 72 anos, de xeito ininterrompido, promulgando a ourensanía na colectividade galega de Montevideo, explicou o xurado na acta do premio

A entrega do premio Ourensanía 2018 terá lugar no Teatro Principal de Ourense o día 11 de novembro, coincidindo coa festividade de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da Ourensanía. No transcurso deste acto, o presidente da Deputación provincial de Ourense entregaralle ós premiados unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da acta.

Deja un comentario