Xoves 22 de Agosto de 2019

Música, viño e gastronomía, na 5ª edición do RibeiroBlues WineFestival


Raimundo Amador, Martha High de USA e Claudio Gabis de Arxentina, serán as tres grandes estrelas deste enofestival musical

 

O parque náutico de Castrelo de Miño volverá a ser o escenario da quinta edición do Ribeiro Blues Wine Festival, cun cartel musical no que se darán cita artistas de recoñecido prestixio nacional e internacional, os días 10 e 11 de agosto.
Na presentación desta iniciativa cultural o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández informaba que a Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa organizada polo concello de Castrelo de Miño e que se converteu «nunha cita ineludible no calendario festivo de Ourense, a través da cal, Castrelo de Miño promociona un sector estratéxico para a nosa provincia, como é o vitivinícola, cunha proposta innovadora e de vangarda», sinalou Rosendo Fernández, quen animou a todo o mundo a que se achegara a este celebración «que terá lugar nun marco incomparable e na que poderán gozar dun completo programa musical acompañado polos viños do Ribeiro».

Pola súa parte, o presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro, Juan Casares, dixo que este evento é «unha maridaxe perfecta entre varias formas de cultura: a do viño, a musical e a do noso territorio» e lembrou que o Ribeiro é «un tesouro galego» que quere achegarse «ao sector dos novos consumidores, de aqueles que principian a súa andadura no mundo do viño». Así mesmo, Juan Manuel Casares destacou que Castrelo de Miño é «un dos núcleos principais que abrangue a Denominación de Orixe do Ribeiro e o que os asistentes á este Festival se van atopar alí é unha selección suficientemente representativa do que hoxe se está a facer no Ribeiro».

O Ribeiro Blues Wine Festival é un «festival que se consolida no calendario do verán de toda Galicia, no que a música e a gastronomía están ao servizo do noso principal recurso: as adegas e os colleiteiros da Denominación de Orixe do Ribeiro», manifestou o alcalde de Castrelo de Miño Xurxo Rodriguez Mendez, quen explicou que entre as novidades desta edición atópase a incorporación «dun patrocinador principal como «Red Eléctrica de España», unha gran empresa que aposta tamén por un evento que se realiza nun concello onde teñen importantes infraestruturas. o que nos permite dar un paso adiante e poder falar do mellor festival de Blues de Galicia».

No cartel deste ano destaca «un trío de ases» -dixo Xurxo Rodríguez- que son Raimundo Amador, Martha High de USA e Claudio Gabis de Arxentina, «que van estar acompañados polas mellores bandas españolas e galegas como: Mad Martin Trío, Susan Santos, Deteriorados ou Pardo. E como broche final pecharán as noites sesións dj a cargo de Juan Rivas e Isaac Pedrouzo». As actuacións comezarán ambos os días ás 21.00 horas.

E sen esquecer tamén que un dos actores galegos máis recoñecidos na actualidade, Antonio Durán Morris faráse cargo da presentación do acto inaugural o vindeiro venres 10 de agosto ás 21:00 horas.

Deja un comentario