Luns 17 de Decembro de 2018

As artes escénicas de Galicia daranse cita na XXIX edición do Festival de Teatro Galego


A Deputación de Ourense colabora con este evento cultural que terá lugar do 22 ao 24 de agosto, no Carballiño

As artes escénicas galegas teñen unha nova cita no Carballiño, do 22 ao 24 de agosto, con motivo da celebración da XXIX edición do Festival de Teatro Galego (FETEGA), que foi presentada hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e a directora do FETEGA, Josi Lage.

A Deputación de Ourense colabora con este evento cultural “referente da cultura e do teatro galego ao ser o festival máis antigo da comunidade, que un ano máis presenta un completo programa de actividades”, destacou Manuel Doval.

A programación desta edición do Festival desenvolverase en tres localizacións do municipio: o Anfiteatro, a Casa da Cultura e o Auditorio. No anfiteatro as actuacións terán lugar ás 19.30 horas e comezarán o mércores, 22 de agosto, coa obra “Totum Revolution” da compañía Vueltos de Rosca. Ao día seguinte, será a quenda para a compañía Pistacatro coa obra “A vida tola” e o venres, 24 de agosto, actuará a compañía Duelirium coa obra “O que queda por chover”.

As representacións teatrais que acollerá o Auditorio serán o mércores, 22 de agosto, a obra “Loló e Mamá” da compañía Destexeito; a obra “Elisa e Marcela” da compañía A Panadaría será o xoves 23 de agosto; e a obra “Chola a it girl” da compañía Artesa Teatro pechará o Festival o venres, 24 de agosto, coincidindo coa gala e entrega dos premios FETEGA “Dorotea Bárcena”. Tódalas actuacións terán lugar ás 22.30 horas.

O programa de actividades complétase con animación na rúa, un obradoiro e unha mesa redonda que abordará o pasado, o presente e o futuro das mulleres na escena galega. A entrada será de balde para tódalas actividades, agás para as actuacións teatrais que teñen lugar no Auditorio, que teñen un custe de 10 euros.

Deja un comentario