Domingo 09 de Decembro de 2018

A Deputación e a Xunta de Galicia colaboran na redacción do Plan Director do Mosteiro de San Pedro de Rocas


Manuel Baltar e Román Rodríguez asinaron  no Pazo Museo Otero Pedrayo, un convenio de colaboración entre ambas institucións polo cal, a Xunta de Galicia investirá preto de 360.000 euros para a realización deste documento, así como de diversas actuacións de conservación e restauración deste ben patrimonial

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron no Pazo Museo Otero Pedrayo, un convenio de colaboración entre ambas institucións a través do cal a Xunta de Galicia investirá preto de 360.000 euros para a redacción do Plan Director do Mosteiro de San Pedro de Rocas, así como en diversas actuacións de conservación e restauración deste ben patrimonial.

O presidente do goberno provincial destacou, trala reunión mantida co conselleiro de Cultura, que con esta nova alianza institucional “facemos realidade un dos compromisos recollidos no Plan de Mandato “Ourense 15-19”, no que figuraba unha actuación básica: a elaboración dun Plan Director para o Mosteiro San Pedro de Rocas, en Esgos, que é o lugar máis visitado da Ribeira Sacra”.

Asemade, Manuel Baltar, quen salientou o traballo que realiza o goberno provincial a prol da cultura afirmando que “aparte de ser un signo identitario, é a nosa liña transversal de actuación”, dixo que o convenio asinado hoxe en Trasalba é “froito dunha proposta que foi aprobada pola Deputación de Ourense na sesión plenaria de outubro de 2016, e que tivo unha magnífica acollida na Xunta de Galicia”. Neste senso, Baltar dixo que o investimento que realizará a institución autonómica neste ben patrimonial “servirá para poñer máis en valor ese monumento, un dos máis importantes de Galicia, e contribuirá a relanzar máis ese espazo do que nos sentimos especialmente orgullosos”.

O convenio asinado entre a institución provincial e a autonómica permitirá que a Consellería teña a súa disposición os inmobles e terreos que atinxen a este ben para executar nel un investimento de preto de 360.000 euros. Entre as actuacións previstas, no marco deste convenio, destaca a elaboración dun Plan Director para este monumento da Ribeira Sacra, que actúe como “unha folla de ruta” -dixo Román Rodríguez- e determine o estado de conservación actual do ben e se definan as liñas de actuación de cara ao futuro no eido da súa conservación e das propostas para o seu desenvolvemento sustentable de xeito compatible cos seus valores culturais e de identidade.

Segundo explicou o conselleiro de Cultura, o previsto é que o Plan Director, un documento moi exhaustivo que inclúe traballos arqueolóxicos, estea listo no ano 2020, aínda que a execución de tódolos traballos previstos poderá estenderse ata o ano 2021. Román Rodríguez salientou a importancia destas actuacións tanto para a comarca como para a propia Ribeira Sacra, en cuxo corazón está situado San Pedro de Rocas, e, en concreto, para a candidatura a Patrimonio da Humanidade. Así mesmo, incidiu na necesidade de que un monumento como este conte cunha folla de ruta planificada, un Plan Director, en base ao que sustentar tódalas actuacións que nel se realicen, así como os usos para os que sexa empregado, máis tendo en conta o crecente interese turístico da zona.

Plan director

O documento recollerá os estudos e propostas de perspectiva histórica, arqueolóxica, de conservación e restauración dos elementos artísticos, arquitectónica e espacial do monumento e contorno e, por outra banda, a perspectiva da súa conservación e xestión. Deste xeito, describirá as características do monumento e as súas patoloxías construtivas e funcionais, definirá as condicións para o seu mantemento e restauración e analizará a súa potencialidade para o desenvolvemento dunha proposta de usos compatible cos seus valores culturais que permita a súa axeitada posta en valor ao tempo que o convertan nun referente social e económico na comarca e no conxunto da Ribeira Sacra.

O Plan Director inclúe tamén a redacción do proxecto arqueolóxico, do de actuacións urxentes e do de conservación e posta en valor.

Así mesmo, nesta mesma programación inclúese a restauración das pinturas murais do arcosolio da igrexa, que foron obxecto de actuacións iniciais de conservación en 2017, co obxectivo de recuperar por completo a estabilidade das mesmas, cuxo estrato orixinal está executado ao fresco. Para iso, realizaranse labores de eliminación de morteiros, consolidación de policromías e de limpeza e reparación das patoloxías de tipo biolóxico que afectan a este espazo.

Trala reunión, Manuel Baltar e Román Rodríguez, acompañados polo secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, e pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaron as instalacións deste Pazo da man do presidente e do secretario da Fundación Otero Pedrayo, José Luís Saco e Afonso Vázquez Monxardín, respectivamente.

Deja un comentario