Sábado 18 de Agosto de 2018

A Deputación de Ourense colaborará coa comisión pola estrada de San Agustín para o seu arranxo


Manuel Baltar e Pablo Pérez reuníronse  no Pazo Provincial cos representantes desta comisión para abordar as posibles liñas de actuación co fin de resolver esta problemática

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez reuníronse no Pazo Provincial coa comisión pola estrada de San Agustín para avaliar posibles liñas de actuación co fin de arranxar as estradas Viana-San Agustín e Sever-Encoro de Pías. Trala xuntanza, o deputado provincial de Cooperación explicou que acordaron que a Deputación de Ourense “colaborará coa comisión nas negociacións coa empresa eléctrica Enel –titular da estrada- para resolver esta vella problemática”. Así mesmo, Pablo Pérez explicou que na reunión “evidenciamos o firme compromiso do goberno provincial de colaborar económica e tecnicamente na solución desta situación que sofren os veciños de Viana do Bolo”.

“Na reunión a comisión propúxonos que a Deputación de Ourense asumira a titularidade desta estrada pero, en base aos informes técnicos realizados polo persoal desta institución, non é posible que a institución provincial adquira esta estrada dado que, tal e como se reflexa nos informes, os camiños non reúnen as características técnicas mínimas para prestar o servizo público viario”, explicou Pablo Pérez. Así, entre as diferentes propostas suxeridas por ambas partes para solventar esta problemática, “acordamos que o Concello de Viana do Bolo asuma a titularidade desta estrada e realice unha achega económica á que tamén se suma o goberno provincial xunto coa achega que se lle esixirá á empresa”, engadiu o deputado provincial de Cooperación.

A comisión pola estrada de San Agustín foi nomeada polo Pleno do Concello de Viana do Bolo e está integrada por representantes de tres forzas políticas: en representación do PP, Ramona García; en representación do BNG, Manuel Diéguez; e en representación do PSOE, Santiago Barja.

Deja un comentario