Xoves 12 de Decembro de 2019

A Deputación pon a disposición do Concello de Allariz, un camión recolector de residuos para que poida seguir prestando este servizo


A través dun convenio de colaboración que asinaron  no Pazo Provincial Manuel Baltar e Mª Cristina Cid

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e a alcaldesa de Allariz, Mª Cristina Cid asinaron no Pazo Provincial, un convenio de colaboración entre ambas institucións polo cal a institución provincial cédelle o uso dun camión recolector de residuos ao municipio de Allariz para que poida seguir prestando este servizo aos seus veciños. “A Deputación de Ourense está para cooperar cos concellos da nosa provincia e, nesta ocasión, tendo en conta a situación do municipio de Allariz e atendendo a súa petición, o goberno provincial colaborará con el para garantir a prestación deste servizo do cal os veciños alaricanos son os principais beneficiados”, explicou Baltar.

A través deste convenio de colaboración institucional, a Deputación de Ourense cede temporalmente o uso deste vehículo ao Concello de Allariz, en tanto non poidan prestar o servizo de recollida de residuos con medios propios, dado que o vehículo que viña realizando estas funcións anteriormente sufriu un sinistro con importantes danos materiais, polo que o municipio de Allariz, solicitou a colaboración da Deputación de Ourense para poder seguir prestando este servizo aos seus veciños, mentres non se leve a cabo a reparación do vehículo sinistrado ou se adquira un novo vehículo recolector de residuos.

Durante a vixencia deste convenio, o vehículo será operado por persoal municipal de Allariz, mentres que a Deputación de Ourense comprométese a seguir asumindo os custes do imposto de vehículos de tracción mecánica e seguro obrigatorio, así como da xestión da I.T.V.

Deja un comentario