Sábado 20 de Outubro de 2018

25 comercios participarán na 1ª edición da Feira de Oportunidades de Xinzo de Limia


A Deputación de Ourense colabora con este evento, organizado pola asociación ProLimia, que terá lugar os días 11 e 12 de agosto na Alameda do Toural

A primeira edición da Feira de Oportunidades de Xinzo de Limia, que terá lugar os días 11 e 12 de agosto na Alameda do Toural, reunirá a preto de 25 postos de comercios da zona, que xunto coas actividades organizadas por outros sectores económicos, completarán a programación para eses días. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a deputada provincial e concelleira de Xinzo, Montserrat Lama; o concelleiro de Comercio e Turismo de Xinzo, Carlos Gómez; a presidenta da asociación ProLimia, Teresa Martínez; e a comerciante da asociación, Josefa Devesa.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa organizada pola asociación ProLimia co obxectivo de “dinamizar a actividade económica local e axudar aos comerciantes da zona a dar saída aos stocks acumulados e a mellorar a rendibilidade dos seus negocios”, explicou Rosendo Fernández. A asociación ProLimia foi creada “para contribuír á dinamización económica da Limia e á mellora da vida das súas xentes”, lembrou o vicepresidente do goberno provincial. Na actualidade, na asociación están representados os sectores comercial, servizos e da pequena industria da comarca da Limia, sendo en total preto de 200 asociados.

O concelleiro de Comercio e Turismo de Xinzo lembrou que a Limia é “coñecida, sobre todo, polo sector que mobiliza a economía que son a agricultura e a gandería e, en segundo lugar, habería que nomear ao sector servizos, comercio, industria e hostalería que tamén son un motor importante da nosa economía en canto á xeración de riqueza e á creación de postos de traballo”. Así mesmo, Carlos Gómez dixo que este tipo de eventos “axudan a mellorar esa liquidación de stocks e son unha oportunidade para lembrarnos a todos que debemos apoiar ao noso comercio e que sexa unha realidade o lema “Merca na túa localidade”.

A I Feira de Oportunidades de Xinzo é unha iniciativa que “parte do sector comercio da comarca para visibilizar e poñer en valor a súa actividade, así como para mellorar a súa rendibilidade. Para elo, deseñamos un programa de actividades que pretende implicar á maior parte dos colectivos económicos da Limia”, explicou a presidenta de ProLimia.

A programación do evento inclúe diversas actividades como un desfile de moda, xogos infantís, teatro en vivo, música ambiental, mostras de decoración, unha pequena exhibición canina e un showcooking, entre outras. En canto ao desfile de moda, Josefa Devesa explicou que se fai o sábado pola noite para “mostrar os produtos de stock e para que o domingo a xente poida mercar as pezas con descontos de ata o 70%”. Como actividade complementaria á programación, durante eses días, “estará aberto o Museo do Entroido con visitas guiadas”, sinalou Teresa Martínez.

Por último, a deputada provincial animou “a tódolos veciños da provincia a que asistan a este evento que ofrece un amplo programa de actividades e no que esperamos que co tempo se sumen máis concellos”.

Deja un comentario