Sábado 18 de Agosto de 2018

O Concello de Ourense ingresou un total de 106.034.401,65 euros no pasado ano, preto de 400.000 euros por riba do previsto


 “Dende que chegamos ao Goberno, e grazas á xestión que realizamos, este Goberno non só pagou os máis de 40 millóns de euros que tiña de débeda, tamén conseguimos que as arcas do Concello dispoñan de máis de 70 millóns de euros para re inverter”, explicou Ana Morenza

O Concello de Ourense ingresou un total de 106.034.401,65 euros no pasado ano, preto de 400.000 euros por enriba do previsto (105.647.519 euros). Ademais, nos tres anos de mandato o Concello pagou a débeda de 40 millóns deixada polo anterior Grupo de Goberno e aforrou máis de 70 millóns de euros.

Así o confirmou hoxe a concelleira de Facenda, Ana Morenza, que analizou os datos do informe de estabilidade orzamentaria do ano 2017 emitido por intervención municipal, nos que se confirma que por terceiro ano consecutivo o Concello cumpriu co teito de gasto establecido pola Lei de Sustentabilidade Financeira.

Morenza explicou que o pasado exercicio o Concello ingresou máis de 106 millóns de euros, dos que a coñecida coma “Lei Montoro” só permitiu gastar 100.155,969 euros. Desta última cantidade o Concello gastou un total de 88.310.755,55 euros, o que supón unha execución do orzamento en torno ao 89% e “un catro por cento máis que en 2016”, dixo a concelleira.

A concelleira informou de que deste xeito, o Concello xerou o pasado ano un superávit de 17.723.646,10 euros, unha cifra que “co cambio lexislativo realizado polo anterior Goberno de España vainos permitir volver a inverter ese superávit, sempre que contemos co apoio da oposición”.

A situación é contraria á vivida polo anterior goberno socialista, que incumplira o teito de gasto empregando máis diñeiro do que o permitía a Lei de Sustentabilidade Económica, e que levou ao actual Grupo de Goberno a elaborar e aprobar un Plan Económico Financieiro “a súa chegada” para evitar que o Concello fora intervido.
“Dende que chegamos ao Goberno, e grazas á xestión que realizamos, este Goberno non só pagou os máis de 40 millóns de euros que tiña de débeda, tamén conseguimos que as arcas do Concello dispoñan de máis de 70 millóns de euros para re inverter, sempre que a oposición o permita, en beneficio da cidade e os seus cidadáns”, dixo Morenza.

A concelleira confía en que este aforro permita apoiar as diferentes modificacións orzamentarias “que se están a tramitar” dende o Concello “se a maioría do Pleno así o aproba”, e recordou que a inversión deses 70 millóns “só depende da vontade política da oposición e dos votos que poidan emitir no Pleno”.

“A oposición ten dúas opcións: ser útiles e mellorar esta cidade, ou seguir bloqueando o avance de Ourense” explicou Morenza, xa que “nun Goberno en minoría a maioría está na oposición”.

Por este motivo pediulles ao resto de grupos con presenza no Concello “que deixen á marxe os seus intereses persoais e partidistas e que primen o ben xeral por encima do seu propio”, e recordoulles que dende o Grupo de Goberno “sempre temos a man tendida para chegar a acordos”.

Deja un comentario