Sábado 18 de Agosto de 2018

A Xunta destaca a actuación singular do alumeado nas termas da Chavasqueira que se realizará a través do proxecto do EcoBarrio


O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe en Ourense na presentación da renovación da iluminación pública exterior da Ponte
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe en Ourense na presentación das actuacións que en materia de iluminación exterior se desenvolverán dentro do proxecto do EcoBarrio da Ponte. A renovación integral da iluminación pública exterior nesta zona ourensá suporá, en palabras de Tahoces, un aforro enerxético anual de 1200Kw/h, o equivalente ao consumo de 350 familias, e evitarase a emisión á atmosfera de 429 toneladas de CO2 ao ano.

A iniciativa que, segundo o director xeral, contribuirá a transformar a actividade municipal cara a un modelo de desenvolvemento urbano máis sostible, inclúe catro eixos de actuación entre os que destaca un plan singular de alumeado arquitectónico na zona da Chavasqueira, nas termas públicas, e a súa contorna. Do que se trata é de reforzar o carácter termal da cidade de Ourense.

A reforma integral que hoxe se presentou suporá, ademais, un cambio á tecnoloxía LED. Substituiranse máis de 3000 lámpadas incorporando o seu propio sistema de telexestión a nivel de punto de luz. Esta actuación ten como beneficios principais a mellora da enerxía eléctrica cun 65% de redución do consumo enerxético e emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).

O proxecto, así mesmo, inclúe a implentación de conceptos innovadores de alumeado mediante a incorporación de xeración renovable solar nunha serie de ámbitos. En concreto, instalarase un sistema de alumeado híbrido, que permitirá que as luminarias se alimenten da rede eléctrica e de placas solares fotovoltaicas que aportarán o 30% da enerxía eléctrica consumida. Así mesmo, a implementación dun sistema de telexestión integrado coa propia plataforma de xestión do EcoBarrio permitirá unha redución dos custes enerxéticos, ao tempo que se poderá acceder ao estado das luminarias desde calquera ordenador ou dispositivo móbil.

Por último, haberá un incremento da seguridade viaria, xa que se reforzará a iluminación nos pasos peonís emprazados en zonas con elevado tránsito de persoas como institutos, colexios ou outros lugares de interese público.

Tahoces sinalou que a actuación sobre o alumeado do EcoBarrio da Ponte contribuirá, polo tanto, a acadar os obxectivos do proxecto, que impulsa a Xunta, desde o punto de vista da xestión enerxética e redución da contaminación.

Rede de enerxía xeotérmica
No marco tamén do proxecto do EcoBarrio da Ponte, o director xeral indicou que a Administración autonómica segue a dar pasos cara adiante no desenvolvemento deste plan coa aprobación onte no Consello da Xunta da realización dos estudos que definirán o trazado da rede de distribución de enerxía xeotérmica. Para iso, asinarase un convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria- a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega)- e EnergyLab para que este centro tecnolóxico elabore a documentación técnica precisa para levar a cabo as licitacións do proxecto.

A través desta actuación, na que se investirán 300.000 euros, o Inega encargaralle á Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética (EnergyLab) os estudos requiridos para a posterior instalación da rede de district heating, que abastecerá de calefacción e auga quente a edificios do barrio da Ponte a través de enerxía xeotérmica –será a primeira rede de Europa destas características–, ao tempo que utilizará fotovoltaica para os consumos eléctricos asociados ao sistema.

O proxecto do EcoBarrio da Ponte, que impulsa o Goberno galego en colaboración co Concello de Ourense e o ADIF, contempla actuar en edificios, transporte e servizos á cidadanía. De feito, a previsión é que se beneficien 18 inmobles privados –máis de 300 vivendas– renovando fachadas e cubertas; e instalando ascensores e fiestras que permitan a estas construcións gañar en eficiencia. Tamén se intervirá en 31 edificios públicos cunha renovación integral da envolvente térmica, así como coa renovación do alumeado interior a través de tecnoloxía LED e a implementación de sistemas de monitorización e xestión enerxética.

Deja un comentario