Sábado 18 de Agosto de 2018

A Xunta aproba a realización dos estudos que definirán o trazado da rede de distribución de enerxía xeotérmica no EcoBarrio de Ourense


A Administración autonómica aproba un convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, e EnergyLab para que redacte a documentación técnica precisa para levar a cabo as licitacións do proxecto
A Xunta segue a dar pasos cara adiante no desenvolvemento do primeiro EcoBarrio de Galicia, que se porá en marcha na cidade de Ourense. O Consello da Xunta vén de aprobar hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria –a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega)– e EnergyLab para que este centro tecnolóxico elabore a documentación técnica precisa para levar a cabo as licitacións do proxecto.

O Inega encargaralle á Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética (EnergyLab) os estudos requiridos para a posterior instalación da rede de district heating, que abastecerá de calefacción e auga quente a edificios do barrio da Ponte a través de enerxía xeotérmica –será a primeira rede de Europa destas características–, ao tempo que utilizará fotovoltaica para os consumos eléctricos asociados ao sistema.

Así, entre outras encomendas que se recollen no convenio, se inclúe a elaboración dun informe detallado sobre os requirimentos dos edificios privados e públicos do barrio da Ponte para a súa conexión ao district heating xeotérmico; estudos para coñecer o potencial aproveitamento da xeotermia e a súa combinación con outras enerxías renovables; e definir a localización da central de xeración e do trazado definitivo da rede.

O convenio recolle ademais a realización das auditorías enerxéticas necesarias para o desenvolvemento das actuacións máis relevantes que están programadas no barrio ourensá da Ponte. Así, levarase a cabo unha avaliación detallada dos edificios públicos e privados, da iluminación pública exterior –a actual será substituída por tecnoloxía LED– e da frota de vehículos do Concello de Ourense co obxectivo de substituír o 66% do parque municipal por automóbiles de gas natural comprimido (GNC) e eléctricos.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 300.000 euros a este convenio, cuxa vixencia rematará o 31 de decembro deste ano. A súa aprobación prodúcese despois de que o pasado mes de xuño a Xunta tamén informase do acordo de cooperación no que se especifican os compromisos que adquiren todas as administracións implicadas na execución deste proxecto integral de referencia a nivel europeo que pretende facer do barrio da Ponte, un exemplo en eficiencia enerxética e calidade de vida.

Así, en virtude de dito acordo entre o Goberno galego –no que participan as Consellerías de Economía, Emprego e Industria; Facenda; Sanidade; Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e máis o Instituto Enerxético de Galicia (Inega)–, o Concello ourensán e o ADIF, establécese que o cometido do Inega será o de realizar as contratacións, convenios e encomendas necesarias para desenvolver o EcoBarrio.

O proxecto contempla actuar en edificios, transporte e servizos á cidadanía. De feito, a previsión é que se beneficien 18 inmobles privados –máis de 300 vivendas– renovando fachadas e cubertas; e instalando ascensores e fiestras que permitan a estas construcións gañar en eficiencia. Tamén se intervirá en 31 edificios públicos cunha renovación integral da envolvente térmica, así como coa renovación do alumeado interior a través de tecnoloxía LED e a implementación de sistemas de monitorización e xestión enerxética.

Tamén se desenvolverá un sistema de control e xestión intelixente Smart City e abrirase a Oficina do EcoBarrio co obxectivo de facilitar información e asesoramento á veciñanza sobre as axudas e programas aos que poden acceder en materia de eficiencia enerxética.

Calcúlase que a execución deste proxecto se traducirá na xeración de 300 postos de traballo e na redución do consumo enerxético, mellorando nun 20% a eficiencia e posibilitando a rebaixa das emisións de gases contaminantes nun 30%.

O EcoBarrio de Ourense enmárcase nas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020 aprobadas pola Xunta e que suporán a mobilización de máis de 3000 millóns de euros no sector enerxético ata 2020. Os obxectivos principais desta folla de ruta son mellorar a calidade de vida da cidadanía e a competitividade do tecido empresarial galego a través dun crecemento económico sostible, fomentando a loita contra o cambio climático e impulsando a economía verde.

Deja un comentario