Martes 23 de Abril de 2019

O alcalde salienta que a cesión de terreos para a residencia de maiores é un paso fundamental no mandato máis social da historia de Ourense


“Este centro será una realidade en breve, grazas á total implicación e preocupación deste Goberno pola área social, na que estamos a dar pasos fundamentais coma nunca antes se deran”, destaca Jesús Vázquez

O Concello cualifica a cesión á Consellería de Política Social de 7.800 metros cadrados no Camiño Real de Cudeiro para a construción da nova residencia de maiores de Ourense como “unha excelente noticia que dará resposta as demandas dos ourensáns para contar con máis dotacións para as persoas maiores, e un paso fundamental no mandato máis social da historia da cidade”.

A cesión supón un paso definitivo na posta en marcha da futura infraestrutura. Así, o Concello está a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos necesarios para ceder o terreo libre de cargas e gravames; mentres que Política Social será a responsable da construción da nova residencia pública.

O alcalde Jesús Vázquez móstrase “moi satisfeito”, porque que “o traballo realizado en colaboración coa Consellería de Política Social está a dar os seus froitos” e “permitirá atender ás necesidades das persoas maiores, especialmente as que están en situación de dependencia”.

Así, a nova infraestrutura dará resposta á demanda social dun aumento das prazas no contorno da capital, pero sobre todo “suporá contar coas principais novidades na atención xeriátrica dos maiores que sofren trastornos cognitivos severos”.

“Este centro será una realidade en breve, grazas á total implicación e preocupación deste Goberno pola área social, na que estamos a dar pasos fundamentais coma nunca antes se deran en Ourense e que están a facer deste o mandato máis social da historia da nosa cidade”, destaca Jesús Vázquez.

Neste sentido, o rexedor destaca a posta en marcha doutros proxectos coma o Centro CAPD, que ven de abrir o prazo do concurso de ideas para o seu deseño; ou o Centro Interxeracional impulsado pola Fundación Amancio Ortega, que está chamado a ser un centro pioneiro pola súa proposta de unir nun mesmo espazo a maiores e meniños.

Vázquez recorda que estes proxectos en materia social están a supoñer para a nosa cidade inversións por importe de máis de 20 millóns de euros e salienta que “ademais de dar resposta á parte máis sensible da sociedade, van xerar un importante número de empregos”.

Deja un comentario