Venres 14 de Agosto de 2020

O Concello de Ourense clausura o primeiro curso homologado pola Universidade de Vigo, sobre proxectos robóticos aplicados á electrónica e á informática


“Grazas á boa xestión que se leva a cabo desde La Molinera, podemos ofrecer formación regulada nun ámbito tan innovador como é o da robótica”, sinala Jorge Pumar, concelleiro de Promoción Económica

 

O Concello de Ourense clausura mañá o curso de Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos, realizado por primeira vez en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e, polo tanto, homologado coa formación académica superior. Durante un total de 60 horas, impartidas en 20 sesións durante os meses de xuño e de xullo, 35 alumnos recibiron formación específica sobre o deseño de placas de circuíto impreso, programación en Arduino, corte láser e impresión 3D, co obxectivo de dar soporte integral ao proceso de construción de prototipos electrónicos totalmente funcionais empregando ferramentas de última xeración.

Jorge Pumar, concelleiro de Emprego e Promoción Económica, valora moi positivamente esta primeira experiencia municipal no ámbito da educación regulada: “Grazas á boa xestión que se leva a cabo desde La Molinera, este Concello pode ofrecer formación universitaria nun campo innovador como é o da robótica”, di. “É un proxecto innovador en Galicia e pioneiro en Ourense, e ábrelle o camiño a futuras colaboracións entre ambas entidades”, afirma.

Mesma satisfacción amosan os directores do curso, o catedrático Florentino Fernández-Riverola e o doutor José Ramón Méndez Reboredo, ambos pertencentes ao Departamento de Informática da Universidade de Vigo. “Esta primeira edición foi todo un éxito, tanto dende o punto de vista do apoio institucional, contou co co-financiamento da actividade por parte do Concello de Ourense e coa cesión de instalacións por parte de La Molinera, como pola acollida por parte da cidadanía, completando todas as prazas dispoñibles en so unhas horas”, comentan.

No acto de peche do curso, mañá mércores 18 de xullo ás 19:00 horas, o alumnado que completou o 85% das actividades formativas recibirá o correspondente diploma acreditativo por parte da Universidade de Vigo, válido por 2 créditos ECTS.

Deja una respuesta