Venres 19 de Outubro de 2018

O Concello nega un “pelotazo” no sistema de xestión do PXOM e informa de que o que se fixo foi recoller o procedemento máis común empregado no noso país


O concelleiro de Urbanismo José Cudeiro recorda que o paso do sistema de cooperación ao de compensación “non vai influir na edificabilidade”

O Concello nega “categoricamente” que o cambio do sistema de xestión urbanística dos polígonos do Plan Xeral de Ordenamento Municipal do sistema de cooperación ao compensación sexa ningún pelotazo urbanístico, tal e como apuntou hoxe á prensa o portavoz socialista, xa que “esta modificación non vai influir na edificabilidade”.

Así o confirma o concelleiro de Urbanismo José Cudeiro, que recorda a Vázquez Barquero que “os ámbitos ou polígonos do PXOM son prácticamente os mesmos que había na aprobación inicial” do proxecto presentado polos socialistas, “coas mesmas cesións obrigatorias e a mesma edificabilidade”.

“O único que fixemos foi recoller o sistema de xestión máis común en todos os Concellos de España”, explica o responsable de Urbanismo. Cudeiro sinala que na actualidade “sería totalmente imposible” que o Concello xestionase o desenvolvemento por cooperación de todos os solos urbanos “por falta de medios técnicos, persoal e de presuposto económico”.

Por este motivo, o Concello apunta que “o máis factible é que sexa a iniciativa privada a que sufrague os custos da urbanización e da construción”, pero “sempre baixo o control municipal”. Pola súa banda o Concello “reservarase o desenvolvemento, polo sistema de cooperación, dos ámbitos que considere prioritarios”.

O concelleiro de Urbanismo tamén saíu ao paso das afirmacións do portavoz socialista de que a aprobación provisional do PXOM correspóndelle á Xunta de Goberno, como erroneamente proclamaron os diferentes grupos da oposición. “De acordo co informe do Consello Consultivo e do Servizo de Planeamento, a competencia para aprobar o acto de trámite, que é a aprobación provisional, correspóndelle ao alcalde”.

Na actualidade o expediente está á espera do informe do asesor xurídico. O concelleiro de Urbanismo confirma que “cando chegue o informe continuarase co procedemento”.

Deja un comentario