Xoves 13 de Decembro de 2018

Galegos e madrileños que visitan por primeira vez a nosa cidade, perfil medio do turista atendido na Oficina Municipal durante o primeiro semestre de 2018


A media mensual de turistas foi de 1.651 persoas, se ben o número real foi incrementándose ao longo do ano: o mes de xuño rexistrou 2.123 visitantes

Vén de Galicia ou Madrid, visita por primeira vez Ourense e pasa unha media de día e medio na nosa cidade. É o perfil medio do turista que se achega á Oficina de Turismo do Concello de Ourense en busca de información ao longo do primeiro semestre de 2018.

Entre xaneiro e xuño visitaron á nosa cidade 9.908 turistas, dos que 7.983 foron españois e 1.925 estranxeiros. En xaneiro a Oficina de Turismo atendeu a 668 persoas, mentres que en xuño foron 2.123, o que supón unha variación do 217%. No caso de turistas estranxeiros o diferenza de visitantes entre ambos meses foi aínda maior: un 353% (122 en xaneiro e 553 no pasado mes).

Para o alcalde Jesús Vázquez, as cifras reflicten que “Ourense está a converterse nun destino cada vez máis atractivo tanto para o turismo nacional como internacional”.

“Ourense está chamada a converterse na gran porta de entrada a Galicia, tal e como demostra o aumento de visitantes de España e, cada vez máis, de fora das nosas fronteiras”, apunta o rexedor. Nesta liña considera que as sucesivas campañas en distintos puntos de España e en citas turísticas coma Fitur ou a International Mayor’s Forum on Tourism de China “están a demostrar que existe un enorme interese pola oferta única da nosa cidade, unha marabillosa combinación de patrimonio artístico, termalismo e gastronomía”.

O concelleiro de Termalismo Jorge Pumar coincide en que os datos “veñen confirmar que as campañas de promoción e de difusión de Ourense coma destino turístico foron acertadas e están a dar resultados reais”.
Así mesmo, o edil salientou o crecemento sostido do turista internacional, atraído pola presenza de Ourense no Camiño de Santiago e os seus recursos termais “ben coñecidos e valorados en toda Europa”. Un incremento, apunta “que proporcionalmente é superior ao do turista nacional e, por iso, estratéxico: xa que se trata dun turista de calidade, que gasta máis e que supón, en termos de recoñecemento internacional, a mellor das promocións no exterior”.
Os datos manexados pola dependencia municipal situada nos Xardíns do Padre Feijóo, revelan que ao longo dos seis primeiros meses de ano se achegaron até estas instalacións un total de 12.775 persoas.

O 77,5% desta cifra (9.908 persoas) confirmaron que a súa estadía na nosa cidade respondeu a motivos turísticos. Deste número, o 6% (603 persoas) foron peregrinos que chegaron a través da Vía da Prata do Camiño de Santiago.

As outras 2.867 persoas (22,5%) acudiron en busca de información diversa: enderezos e actividades concretas, coma festivais culturais ou musicais.

A media mensual de turistas nos primeiros seis meses de ano foi de 1.651 persoas, se ben o número real foi aumentando de forma gradual dende xaneiro, no que se produciron 668 visitas, até alcanzar os 2.123 visitantes no pasado mes de xuño.

Este mesmo mes tamén revelou un importante incremento no número de persoas que se achegaron até esta instalación municipal por outros motivos. Así, a cifra disparouse dende a media mensual de 334 casos até 1.194. O principal motivo foi o aumento de consultas relacionadas coas Festas de Ourense.

O turismo nacional, o que máis visita Ourense.

Os turistas galegos e madrileños son os que máis visitan a nosa cidade. Así o revelan os datos da Oficina Municipal de Turismo, que sinalan que un 80,5% (7.983) proceden de España.

Desta cifra, o 21% (2.081 persoas) chegaron á cidade das Burgas dende a nosa comunidade autónoma, especialmente de A Coruña (1.040) e de Pontevedra (739); mentres que un 16,64% (1.649) fixérono dende Madrid e un 13,1% (1.298 persoas) dende a comunidade de Castela e León.

O turismo estranxeiro tamén se incrementou ao longo do ano. Entre xaneiro e xuño, o número de visitantes procedentes doutros países incrementouse un 353% (122 en xaneiro e 553 no pasado mes).

Por países, Francia (327), Portugal (304) e Alemaña (216) foron as principais orixes dos nosos turistas europeos, aínda que se rexistraron visitantes chegados dende 31 países.

Arxentina (190 persoas) e Estados Unidos (168) concentran o turismo chegado dende o continente americano, de onde chegaron visitantes dun total de 22 países.

Ademais recibíronse turistas dende outros 25 países do mundo. Algúns tan lonxanos coma Australia (25), China (11), Xapón (14) ou Dubai (5).

Os datos tamén revelan que un 79% dos nosos turistas (7.849) visitaron a nosa cidade por primeira vez; que un 54,5% realizaron unha estancia dun día, un 22,5% de dous días e un 23% de tres.
Peregrinos do Camiño de Santiago

Por outra banda, a Oficina Municipal de Turismo tamén recolleu datos dos peregrinos que se achegaron ás súas instalacións no primeiro semestre de ano: un total de 603 persoas.

O perfil medio foi o dunha persoa chegada dende o continente europeo, especialmente Francia , de onde procede o 20,2% de todos os peregrinos rexistrados. Por lugar de orixe o maior número de persoas que chegaron a través do Camiño de Santiago procedían de Francia (122), Estados Unidos (67) e Alemaña (55), aínda que se rexistraron peregrinos dun total de 26 países.

Deja un comentario