Martes 17 de Xullo de 2018

O Consello Municipal de Deportes actuou conforme aos protocolos na posible infección de lexionela por parte dun traballador e reforzará as medidas de control do persoal


Así o avala un informe presentado hoxe no Consello Reitor, que sostén que é a Autoridade Sanitaria a que debe notificar e valorar os casos de ‘Legionelosis’ asociados a un edificio ou instalación

 

O Concello de Ourense vén de presentar, no Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes, un informe sobre os pasos dados desde a detección dun posible caso de lexionela nun traballador ao manipular un alxibe do SPA das instalacións do Pavillón dos Remedios. O caso, que semella “puntual e illado”, segundo o informe, prodúcese nunha zona de acceso restrinxido e sen ningún tipo de contacto nin co público nin co resto de traballadores durante unha limpeza de carácter extraordinario.

Porén, o Consello Municipal reforzará a prevención de riscos biolóxicos, programando os recoñecementos médicos dos traballadores para os meses de xullo e agosto. Así mesmo, solicitaráselle ao Gabinete de Prevención de Riscos Laborais a reciclaxe de todos os traballadores en canto á formación e información sobre riscos derivados do seu posto. Por último, estableceranse máis puntos susceptibles de limpeza e desinfección a pesar de non ser auga nin de consumo humano nin quente sanitaria, tal e como solicita o sindicato CIG a través dun escrito, para reducir puntos de risco.

Detección e posta en coñecemento. O informe presentado confirma que se deu conta ao Gabinete de Prevención do incidente desde o primeiro momento. Desde o gabinete informaron que, de non existir outro traballador que mostrase síntomas (“cadro infeccioso con estado febril”), e ao ser o período de incubación de entre 2 e 10 días, o caso semella ser puntual e illado. En ningún momento brote.

O espazo onde existe a posibilidade de contaxio, aínda que sen evidencia real, resulta un alxibe de auga das Burgas utilizado como prequecemento ao SPA que non ten nin consumo sanitario nin humano: É unha zona da sala de máquinas de acceso restrinxido e sen ningún tipo de contacto nin co público nin co resto de traballadores, e o incidente ocorre durante unha limpeza extraordinaria. O traballador declara usar o EPI regulamentario nas tarefas de limpeza con hidrolimpadora durante as tarefas, circunstancia que lle foi lembrada polo encargado.

Segundo a normativa vixente, é a Autoridade Sanitaria (NTP691) a que notifica e valora os casos de Legionelosis asociados a un edificio ou instalación. O informe das Autoridades Sanitarias, recibido o día 11 de xullo, constata que os protocolos de limpeza e desinfección segundo o Real Decreto 865/2003 son os correctos para a auga quente sanitaria, e os resultados das mostras recollidas na inspección do día 02 son negativas.

Ao estar pendente de recepción este informe, non se deu conta previamente aos membros do Consello Reitor, xa que é a Autoridade Sanitaria a que dita o protocolo de ser o caso.

Deja un comentario