Domingo 23 de Setembro de 2018

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia falla a favor do Concello de Ourense no caso das bases e convocatoria de 14 xefaturas de servizo e desestima o recurso do PSOE


A sentenza, de data 11 de xullo, foille notificada esta mañá á Avogacía Consistorial, e ratifica a sentenza do tribunal do Contencioso Administrativo n.1 de Ourense do mes de xaneiro contra o recurso presentado polos concelleiros do grupo municipal do Partido Socialista

 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) notificoulle esta mañá á Avogacía do Concello de Ourense a sentenza, de data 11 de xullo, que ratifica unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Ourense, do mes de xaneiro, na que se desestimaba un recurso presentado polo grupo municipal socialista contra as bases e convocatoria de 14 xefaturas de servizo no Concello de Ourense.

Todos os motivos alegados polo grupo municipal socialista, moitos e variados, foron desestimados polo TSXG. Afirma, na súa sentenza, que o concurso non foi en ningún caso “un sistema de provisión arbitrario” nin se vulneran “os principios de igualdade, mérito e capacidade”, como sinalaba o recurso do PSOE. Así mesmo, cumpríronse todos os principios de publicidade e de transparencia no proceso, así coma os de profesionalidade e especialidade no tocante á composición da comisión de valoración.

Tanto o sindicato SPPME coma os concelleiros do grupo municipal socialista no Concello de Ourense impugnaran no seu momento as bases e convocatoria deste proceso selectivo. Os seus recursos xa foron rexeitados en primeira instancia, e a decisión do alto tribunal galego vén avalar a forma de proceder do Concello de Ourense.

Deja un comentario