Domingo 23 de Setembro de 2018

As sancións por incumprir a lei de prevención do consumo de alcohol en menores subiron un 41% na primeira metade do ano respecto ao mesmo período de 2017


Un informe da Concellería de Sanidade que confirma que se tramitaron 48 expedientes fronte aos 34 do primeiro semestre de 2017. O número de sancións a locais de hostalería por infraccións da Lei creceu máis do dobre (de 8 a 19), e a metade destes expedientes foron pola ausencia de carteis informativos sobre a prohibición de vender alcohol a menores

A Concellería de Sanidade informou esta mañá, en xunta de goberno local, sobre os expedientes abertos durante o primeiro semestre de ano por parte da Policía Autonómica por infraccións na Lei 11/2010 do 17 de decembro de Prevención do Consumo de Bebidas Alcohólicas en Menores de Idade. “No primeiro semestre de 2018 incrementáronse un 41% os expedientes sancionadores por infraccións con respecto ao mesmo período do pasado ano 2017”, relataba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa. “En total tramitáronse 48 expedientes fronte aos 34 do primeiro semestre de 2017”, dixo o rexedor.

Os datos confirman que o número de sancións a locais de hostalería por infraccións da Lei creceu máis do dobre (de 8 a 19, un 137% máis), e que a metade destes expedientes foron pola ausencia de carteis informativos sobre a prohibición de vender alcohol a menores de idade. No primeiro semestre do pasado ano este concepto supuxo o 12,5% dos expedientes, desta vez a porcentaxe sobe ao 47%.

“Outra das situacións nas que se está a producir un aumento de sancións nos locais de hostalería está relacionada coa publicidade que realizan, especialmente nas redes sociais”, indicaba Vázquez Abad na rolda de prensa. A Lei fixa que está prohibida calquera promoción que incite ao consumo abusivo de bebidas alcohólicas, coma pode ser a rebaixa dos prezos nos locais.
Por este motivo, no primeiro semestre de 2018 iniciáronse seis expedientes (o 31,6% do total deste ano). Deles, un 66,6% (4) foron por facer publicidade deste tipo a través das redes sociais. “Esta maior presenza dos anuncios que non cumpren a Lei nas redes sociais que na prensa ou no propio establecemento vén confirmar que este foro é principal punto de encontro e reclamo para as novas xeracións de ourensáns”, dixo. Fronte ao 31,6% de actuacións neste primeiro semestre, no 2017 os expedientes por publicidade que inducía ao consumo abusivo de alcohol foron o 12% do total.
Mesmos hábitos, pero noutro lugar.
Por outra banda, o informe tamén confirmou que no primeiro semestre de 2018 tramitáronse 29 expedientes a menores por consumo de alcohol na rúa, fronte aos 26 do mesmo período en 2017. Esta cifra supón un incremento dun 11,5%. Os datos tamén confirman un cambio nos lugares onde os menores están a consumir alcohol na rúa. Así, o pasado ano o 57,6% dos expedientes foron por consumir alcohol na Alameda (8) e a Praza do Bispo Cesáreo (7). No primeiro semestre de 2018 os expedientes iniciados nesta zona habitual do botellón supuxeron o 24% do total (6 na Alameda e 1 na praza Bispo Cesáreo).
“Mentres o pasado ano as actuacións se concentraron na zona centro, no que vai de ano tiveron lugar no Parque Ávila (7) e na rúa Chano Piñeiro (5), na contorna do CHUO e de Barrocás”, resumía o alcalde.

Ademais deste informe, a xunta de goberno local deu conta de 13 expedientes achegados por diferentes concellerías e servizos municipais:
Avogacía consistorial. A xunta de goberno tivo coñecemento de cinco citacións do Concello de Ourense. Dous deles, perante o Contencioso Administrativo número 1, nun procedemento interposto por dúas persoas que foron traballadores do programa de Xestión e Programación Turística do Concello e ao non terse prorrogado a súa relación laboral. O outro persoamento é no auto interposto polo sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) pola modificación das condicións laborais dos traballadores do Consello Municipal de Deportes en relación coas produtividades que se lles denegaran.
Tamén deberá comparecer ante o Contencioso Administrativo número 2 en tres asuntos: o primeiro, pola solicitude dunha funcionaria para que se lle recoñeza o desempeño de funcións dun grao superior ao que posúe, así como a diferenza salarial co seu posto nominativo; tamén pola desestimación de dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial: unha por danos provocados polo guindastre municipal nun vehículo e outra por danos nun local a causa de filtracións por desaugues.
Servizo de Licencias. o Concello concedeu licenza de obra para instalación de cinco ascensores en outros tantos edificios da nosa cidade. Tamén se aprobou unha licenza de obra para a demolición dun edificio; aprobouse a devolución do aval bancario depositado para garantir a reconstrución dunha fachada dun inmoble; r último, deuse conta do troco da dirección de obra dunha licenza urbanística para construír unha vivenda unifamiliar.

Deja un comentario