Xoves 15 de Novembro de 2018

26 anos de Cea e Teatro no pobo de Prado de Miño


Este sábado 14 de xullo a asociación cultural O Penedo da Forca organiza a 26 edición da cea do carme con noite de teatro

No ano 1992 a mocidade de Prado de Miño decidiu organizarse e constituir unha asociación cultural, O Penedo da Forca. Desde aquela data foron centos as actividades culturais organizadas durante estes 26 anos. Pero se algunha delas destacou sobre as demais, foi a recuperación das festas tradicionais do pobo de Prado de Miño e a recuperación da tradición teatral aínda viva entre os veciños desta aldea de Castrelo de Miño. Esta aldea aínda conservaba a comezos do século XX un pequeno curral de comedias onde os veciños representaban as súas propias obras de teatro.

Froito deste interese pola nova asociación cultural en recuperar esta tradición, nacía en 1992 esta xornada de convivencia e cultura entre os veciños e veciñas que se celebra ininterrumpidamente desde aquela data: Cea do pobo e Obra de teatro representada polos propios veciños e veciñas.

No ano 2010 o Concello de Castrelo de Miño, decidiu apostar tamén por esta actividade cultural tan senlleira, e coa colaboración da asociación cultural O Penedo da Forca, crearon o Obradoiro Municipal de Teatro de Castrelo de Miño. Deste xeito, veciños e veciñas do resto do concello tamén se sumaron a esta iniciativa cultural. Durante todo o ano, o concello facilita un local de ensaios e unha profesora de teatro que se encarga da dirección e dos ensaios das obras de teatro.

O programa deste sábado 14 de xullo, comeza as 22:00 horas coa cea de convivencia entre todos os veciños e convidados, e ao remate, ás 23:30 horas representarase a obra de teatro:
Cómicos polos camiños,
Unha dramaturxia de Tegra Vázquez a partires dos textos de Alonso Santos, Shakespeare e Fernando Dacosta.

Deja un comentario