Domingo 23 de Setembro de 2018

O Concello súmase á campaña “En la carretera, cerveza SIN”, posta en marcha pola Asociación de Cerveceros de España e que conta co apoio da Dirección General de Tráfico


O alcalde Jesús Vázquez apostou porque esta proposta sexa “unha chamada de atención para que interioricemos que un condutor comprometido é a mellor opción para poñer fin a sucesos” nos que está implicado o alcohol

O Concello de Ourense acolleu hoxe a un grupo de seis moteiros de Harley Davidson que están a percorrer toda España coma embaixadores do programa “En la carretera, cerveza SIN”, unha proposta para concienciar sobre a incompatibilidade de alcohol e condución posta en marcha por Cerveceros de España e que conta co apoio da Dirección General de Tráfico.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Carlos Campos, foron os encargados de recibir aos protagonistas desta iniciativa, que este ano percorrerá 4.700 quilómetros e 19 cidades, e que animaron os ourensáns a non beber alcohol cando vaian conducir este verán.

Nesta liña, o alcalde reivindicou que “cando conducimos debemos ter tolerancia cero co alcohol” e recordou que “existen alternativas” ao consumo de alcohol cando se vai coller o volante. “Esta campaña ten que ser unha chamada de atención para que interioricemos que un condutor comprometido é a mellor opción para poñer fin a sucesos nos que o alcohol está a truncar vidas nas nosas estradas”, apuntou o rexedor.

Jesús Vázquez explicou que “pequenos xestos” como pode ser o cambiar o consumo de cervexa por cervexa sen alcohol “son un paso cara adiante neste camiño no que as administracións e os cidadáns temos que ir da man”.

Pola súa banda o moteiro e portavoz da campaña, Ramón Pradera, insistiu na necesidade de “que todo o mundo se percate de que a única combinación posible ao volante é non consumir nin gota de alcohol”.

Á presentación desta campaña en Ourense asistiron a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente e representantes da asociación Stop Accidentes e Cristina de Aguirre, Responsable de Asuntos Sociales de Cerveceros de España.

A campaña, que este ano chega a súa maioría de idade visitará varias cidades españolas durante o mes de xullo, coincidindo co aumento dos desprazamentos polas vacacións, para pedir aos condutores que non consuman alcohol.

Os moteiros instalaron unha caravana na Praza do Bispo Cesáreo como punto de información para os cidadáns. Neste espazo tamén se entregarán invitacións a cervexa sen alcohol nos locais de hostalería da zona a todos os visitantes maiores de idade.

Esta iniciativa conta coa Medalla do Mérito da Seguridade Vial concedida pola DGT. Coma novidade, e para recordar que esta campaña está dirixida a todos os condutores, independentemente del vehículo que conduzan, a mensaxe esténdese tamén á condución de bicicletas dentro do ámbito urbano.

Deja un comentario