Martes 17 de Xullo de 2018

Concello e Escola Universitaria de Enfermería colaborarán para a dinamización da vida científica e social de Ourense


“Estamos interesados en colaborar cos centros de formación e investigación, así como cos profesionais da saúde, en dar a coñecer as potencialidades das augas declaradas mineiromedicinais e termais da cidade”, dixo Jorge Pumar, concelleiro de Turismo e Termalismo

A Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e a Escola Universitaria de Enfermería veñen de asinar un protocolo xeral de colaboración mutua para promover servizos e actividades que permitan facer de ambas institucións un instrumento dinamizador da vida científica e social da cidade de Ourense. Tanto o concelleiro, Jorge Pumar, coma a directora da Escola Universitaria, Milagros Fernández Varela, destacaron o feito de que ambas institucións xa viñan cooperando con anterioridade, caso do estudo ‘Eficacia das augas mineromedicinais en pacientes con fibromialxia’, presentado o pasado mes de abril no salón de plenos. A duración deste protocolo é indefinida no tempo.
“A Concellería de Turismo e Termalismo está interesada en colaborar cos centros de formación e investigación, así como cos profesionais da saúde; en dar a coñecer as potencialidades das augas declaradas mineiromedicinais e termais da cidade”, sinalou Pumar Tesouro. “Debemos sacarlle partidoá riqueza que temos, non só desde o punto de vista lúdico, senón tamén terapéutico”, dixo o concelleiro na sinatura do protocolo.
Así, o protocolo contempla o desenvolvemento de proxectos de investigación; a organización e realización de todo tipo de actividades académicas (cursos, conferencias, simposios, seminarios ou clases); o apoio a investigadores e estudantes; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese; as prácticas de estudantes do último curso; ou a realización de actividades de lecer saudables nos espazos termais, entre outras.
Este protocolo de colaboración estará coordinado e desenvolvido por unha comisión con persoal de ambas institucións. Este órgano será o encargado de deseñar un plan de traballo concreto, co seu correspondente calendario de actividades e posibles necesidades orzamentarias.

Deja un comentario