Venres 19 de Outubro de 2018

O Concello de Ourense adapta as instalacións de Volei Praia de Oira, que xa poden acoller probas puntuables para o circuíto nacional


Esta mellora “abre moitas posibilidades ao emprego deste espazo tendo en conta o número de equipos de base de recente creación”, sinala o concelleiro de Deportes, Mario Guede, “pero tamén para a práctica do cachibol, unha modalidade que está a gañar moitos adeptos na cidade”

O Complexo deportivo de Oira xa pode presumir de instalacións de Volei Praia aptas para a disputa de campionatos do máximo nivel. As obras de mellora sobre o espazo de xogo permitiron que as pistas poidan ser homologadas pola Real Federación Española de Voleibol. Para o concelleiro de Deportes, Mario Guede, esta mellora “abre moitas posibilidades ao emprego deste espazo, tendo en conta o número de equipos de base de recente creación, pero tamén para a práctica do cachibol, unha modalidade de deporte inclusivo que está a gañar moitos adeptos na nosa cidade”, sinala.
Logo de retirar os materiais de base, realizouse un muro de contención, retranqueouse o peche e movéronse os postes de iluminación para gañar espazo: dunha pista pasouse a dúas, o que permite diversificar horarios entre as diferentes categorías dos clubs que usan as instalacións. Ademais, instalouse un sistema de drenaxe para filtrar as augas pluviais e, por último, adecuouse o pavimento de xogo cunha area homologada pola Real Federación Española de Voleibol. O importe destas actuacións roldou os 15.000 €.
Para o desenvolvemento dos traballos, participaron de forma coordinada os traballadores do Consello Municipal de Deportes, empresas especializadas de construción e a inestimable colaboración dos dous clubs da cidade desta disciplina: o Club Ourense Volei Praia e o Club Volei Praia Milenio.
Campionatos todo o verán
A vindeira cita no calendario deportivo do Volei Praia é, precisamente, esta fin de semana, coa disputa do Campionato Galego Sénior (sub-21 e sénior absoluto), puntuable para o ránking nacional da Federación Española de Volei. Ao longo deste verán irán desenvolvéndose diferentes campionatos -os diferetnes Torneos Milenio en categorías de base e outras probas do campionato galego sénior- até a celebración, a principios do mes de setembro, do Master Internacional Volei Praia.

Deja un comentario