Domingo 23 de Setembro de 2018

Infraestruturas está a estudar melloras nos colectores despois das precipitacións extraordinarias das últimas treboadas, por encima de 10 litros/m2 en dez minutos


Viaqua confirma que o habitual é que dous episodios con tal intensidade de choiva non se produzan en menos de dez anos

A Concellería de Infraestruturas está a estudar a execución de melloras e obras en colectores de saneamento de determinados puntos da cidade, tras as precipitacións extraordinarias caídas na cidade nas treboadas das dúas últimas semanas, nas que se produciron precipitacións dunha intensidade superior ós 10 litros por metro cadrado en dez minutos. O departamento que dirixe José Araújo foi informado por Viaqua destas situacións fora de rexistro, despois de que no día de onte, 6 de xullo, a intensidade máxima de choiva rexistrada en Ourense acadase os 10,4 litros/m2 en 10 minutos ás 17:30 horas, o que supón unha intensidade media nunha hora de 62, 4 litros/m2.

Algo similar ocorreu o pasado venres día 29 de xuño, cando o máximo se alcanzou ás 16:00 horas, cunhas precipitacións de 12 litros/m2 en 10 minutos, e rexistrando unha intensidade media nunha hora de 72 litros/m2.

Viaqua sinala que estes datos supoñen que en Ourense superouse un período de retorno de choivas por encima dos 10 anos.

O período de retorno é o lapso de tempo medio que separa dous eventos de determinada magnitude, neste caso supón que o normal e que dous episodios desta intensidade de choiva estean separados dez anos.

Cando se producen episodios de tal calibre hai colectores de saneamento en determinados puntos da cidade que non teñen a capacidade suficiente para absorber unha intensidade de choiva tan elevada e, por tal motivo, onte detectáronse incidencias puntuais.

Na treboada deste venres estas incidencias estiveron concentradas principalmente nas seguintes zonas: Celso Emilio Ferreiro, Praza Don Bosco e Concepción Arenal, Colón, Hernán Cortés, Praza San Cosme e Praza Saco e Arce, Alejandro Pedrosa, Serra Martiñá, Carmen Legísima, San Miguel con Paseo, e Avenida Zamora 48.

O Concello explica que a concentración de auga na rúa non se produciu porque a rede estea sucia ou por un mal mantemento, senón pola intensidade das precipitacións, e que a auga verteuse na rede en canto o permitiu a capacidade dos sumidoiros.

Neste senso, recórdase que o tamaño dos colectores e tubos da rede ourensá é o mesmo que existe nas cidades do resto de Galicia e de España, onde tamén se producen episodios similares cando a intensidade da choiva se dispara por encima das precipitacións habituais da zona.

Pero ademais deste aspecto hai outros que inflúen na velocidade dos desaugues, coma pode ser a escasa pendente na rede do Casco Vello da cidade.

Ante esta situación meteorolóxica extraordinaria, dende os servizos técnicos do Concello está a estudarse a posibilidade de execución de melloras e obras co fin de reducir situacións similares no futuro.

Deja un comentario