Martes 17 de Xullo de 2018

A Deputación de Ourense aproba o Plan anual de Publicacións para o 2018


A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá o Plan anual de Publicacións da Deputación para 2018, ao que destina un importe de 120.000 euros. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 6 de xullo de 2018. Entre as obras que se editarán atópanse as de actividades propias dos servizos da Deputación, reedición de obras, traballos de autores ourensáns de recoñecido prestixio ou que teñan a consideración de clásicos da cultura galega, en particular edicións de carácter conmemorativo, facsímiles ou edicións críticas, edición de obras que foron obxecto de premios outorgados pola Deputación ou por entidades locais da provincia de Ourense, e a edición das obras que quedaron sen editar aprobadas en exercicios anteriores. O plan recolle as obras que serán seleccionadas mediante concorrencia competitiva, atendendo a criterios de calidade e ao seu interese para fins de divulgación da realidade ourensá e de fomento da cultura.

Neste mesmo senso, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras do concurso para a selección de obras para a súa edición ou coedición pola Deputación de Ourense correspondente ao exercicio 2018. Poden presentarse a este concurso as obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, realizadas en calquera formato ou soporte (escrito, fonográfico ou audiovisual) que correspondan a calquera das seguintes liñas de publicación: compilacións, escolmas ou antoloxías de artigos publicados en periódicos locais de Ourense ou nas edición locais de xornais de ámbito máis amplo, así como gravacións ou transcricións escritas de programas radiofónicos locais; obras que teñan por obxecto o estudo ou divulgación do patrimonio cultural material e inmaterial ou do patrimonio natural de Ourense; estudos históricos, científicos, xurídicos ou literarios relacionados coa provincia de Ourense; ou obras artísticas, videográficas, literarias ou musicais de autores ourensáns de temática libre. As obras deberán ser orixinais e estar concluídas na data de remate do prazo de presentación de solicitudes para poder iniciar a preparación da súa edición no ano 2018.

Por outra parte, non se admitirán a concurso as teses doutorais, por considerarse que este tipo de traballos, dirixidos a un público altamente especializado, non deben ser obxecto de edición a través do servizo provincial, aínda que se admitirán as versión abreviadas de teses doutorais que, axustándose aos requisitos establecidos, poidan ter como destinatario ao público en xeral. Tampouco serán admitidas a concurso as actas de congresos, xornadas, simposios ou similares.

Os interesados en participar poderán presentar as súas solicitudes no prazo dun mes, contando a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP. A contía máxima dispoñible para tal fin é de 20.249 euros.

Cooperación

En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 40.000 euros para o concello de Xunqueira de Ambía para a Horta da Limia. Para o concello de Verín, unha axuda de 530.686 euros destinada ao financiamento dos gastos de dotación de mobiliario e obras de urbanización do centro cultural das Artes de Verín; e unha axuda de 5.000 euros para o concello de Punxín para o transporte colectivo de persoas dependentes, correspondente ao ano 2018.

Así mesmo, na xuntanza aprobouse unha modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018, relativa ao concello de Xunqueira de Espadanedo, pola cal se incorpora ao plan principal a obra “ampliación da estrada a Xunqueira pola estrada que leva a Pardeconde”, en substitución da obra “reparación da estrada Xunqueira-Parada do Sil”, cun orzamento de 48.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a concesión dunha axuda directa, por razóns de interese público, de 5.750 euros para o proxecto básico e de execución, dirección de obra e fin de obra de reconstrución dunha vivenda en Moces, sendo o concello de Melón a entidade colaboradora. Tamén aprobou unha axuda directa, por razóns de interese público, de 3.705 euros para as obras de reparación dunha vivenda en San Cristovo, sendo o concello de Monterrei a entidade colaboradora. A urxencia de ambas situación ven dada por acometer as obras no inmoble que quedaron totalmente calcinados tras sufrir un incendio e pola incapacidade económica dos propietarios dos inmobles.

Deja un comentario