Domingo 23 de Setembro de 2018

As rozas nos accesos ás localidades do perímetro urbano, a prioridade das brigadas municipais


Nos traballos de roza están a participar unha brigada municipal, así coma outras dúas e dous tractores da concesionaria de Limpeza Ecourense UTE

A limpeza de accesos ás localidades do perímetro urbano e as rozas de seguridade a ambos lados das vías públicas están a ser as actuacións prioritarias do Concello de Ourense neste mes de xullo, no que tamén está previsto iniciar os traballos de limpeza de vexetación nos solares municipais situados dentro da cidade.

Na actualidade nas rozas de vexetación están a traballar os membros da brigada municipal de Limpeza, así como dúas brigadas e dous tractores da empresa concesionaria do Servizo de Limpeza, Ecourense UTE, que traballan de luns a venres entre as 06:00 e as 13:00 horas.

Os traballadores están a realizar labores de limpeza e rozas na contorna urbana, que é a zona en maior risco pola posibilidade de lumes forestais coa chegada do período estival.

Así, esta semana, unha das brigadas da concesionaria de Limpeza está a realizar desbroces e rozas na Lonia de Arriba e na Lonia de Abaixo, en Oira, no Peliquín, no Polígono das Coiñás, na Granxa de Cudeiro e en Valdorregueiro, apoiada por un dos tractores municipais.

A outra brigada está a finalizar as rozas no núcleo de Seixalbo e en Cabeza de Vaca. Ademais, o segundo dos tractores dedicados a limpeza de materia vexetal está a traballar en Santa Cruz de Arrabaldo, en Sistis, no Pazo de Casanova e en Untes.

Pola súa banda os membros da brigada municipal están a traballar na rúa dos Chaos, Abeleda, Astrés (Vilar) e Mirador e Anaigo (Palmés).

Vindeira semana

Para a vindeira semana, a brigada municipal realizará os traballos de limpeza de vexetación en Pradobó (Palmés), Saceda, Beiro e Quintela.

As limpezas estanse a realizar seguindo un plan de actuación que aposta por optimizar os recursos e por atender as zonas onde a vexetación é de maior tamaño e onde existe maior perigo de incendio.

Na pasada semana unha das brigadas e un tractor da concesionaria de Limpeza iniciaron as rozas en Canibelos, San Tomé, Souto, Sanin, A Lonia de Arriba, A Lonia de Abaixo, Oira, Peliquín, o Polígono de As Coiñás, a Granxa de Cudeiro e Valdorregueiro, traballos que continúan nesta semana.

A outra brigada realizou limpezas na Finca da Marquesa, nos accesos da Cuña dende a rúa Seixalbo, na rúa Seixalbo e tamén no núcleo desta poboación.

Pola súa banda o outro tractor da concesionaria finalizou as rozas realizadas en Palmés, O Pereiro, Pradobó, Anaigo, Outeiro, Saceda, Fechos e comezou a facer limpezas na zona de Santa Cruz de Arrabaldo.

Entre o 25 e o 29 de xuño, a brigada municipal realizou desbroces en Cabeanca, Cruz Nogueira, Abelaira, Naves, Beiro, Cardenao, Regualde e Sas.

A partires deste mes de xullo, os servizos de limpeza tamén teñen previsto un calendario para a roza dos solares municipais situados dentro da cidade. As actuacións apostan por darlle resposta ás necesidades de cada zona e barrio en vez de dispersar os recursos existentes en varios sitios ao mesmo tempo.

Deja un comentario