Domingo 23 de Setembro de 2018

Un informe da Policía Local revela que no segundo trimestre de 2018 as denuncias en materia de Tráfico se incrementaron un 44,78% respecto ao mesmo período de 2017


O alcalde explica que este incremento responde “á aposta do Grupo de Goberno por aumentar a seguridade dos peóns e do control do tráfico a través dun incremento da vixilancia e control por parte dos axentes”

 

Entre abril e xuño de 2018, as denuncias instruídas en materia de tráfico incrementáronse un 44,78% respecto ao mesmo período do ano anterior “debido á aposta do Goberno municipal por incrementar a vixilancia e control por parte da Policía Local para mellorar a seguridade de peóns e a circulación en Ourense”. Así o confirmou o alcalde, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno Local, na que se deu conta dun informe emitido pola Policía Local sobre as actuacións no segundo trimestre de 2018.

Infraccións ao volante. O informe revela que no segundo trimestre de 2018 houbo un total de 3.320 infraccións á normativa de tráfico, 1.027 máis que no mesmo período de 2017 cando se produciron 2.293, o que supón un incremento do 44,78%. As máis numerosas foron por aparcar mal. Destas, 812 foron por aparcar en zona reservada a carga e descarga, fronte a 332 do mesmo período no pasado ano, o que supón un aumento do 144%.

Tamén destaca o aumento das infraccións por aparcar na beirarrúa ou demais zonas de uso peonil, que se incrementaron nun 21,62%, pasando de 370 a 450. O multamóbil tamén elevou o número de infraccións denunciadas neste período, que pasaron de 248 no segundo trimestre de 2018 a 663 neste ano. Un 67% máis.

Os datos do informe tamén revelan que neste segundo trimestre foron postos a disposición xudicial 57 condutores, e 115 no que vai de ano.

Consumo de drogas. En materia de consumo de alcohol e estupefacientes presentáronse 155 denuncias, das que 68 foron por superar a taxa de alcoholemia e 87 pola presenza de drogas no organismo: cocaína, cannabis, opiaceos, anfetaminas e meta anfetaminas, por esta orde, son as máis detectadas. Neste sentido, o alcalde destacou que “o perfil medio do condutor baixo os síntomas de consumo de drogas é o dun varón de 35 anos”.

Velocidade. O informe tamén revela que a grande maioría dos condutores (98,74%) respectaron os límites de velocidade nos controis realizados no centro urbano nas áreas de circulación a 50, 40 ou 30 quilómetros por hora. Neste sentido o rexedor confirmou que “o Concello de Ourense continuará incidindo nas campañas de concienciación, control e vixilancia para seguir mantendo e mellorando os ratios referidos á Seguridade Viaria na nosa cidade”.

Seguridade viaria. Así recordou actuacións coma a instalación dunha nova rede semafórica, a petición dos veciños, na intersección das rúas Quintián e río Návea (O Vinteún); e a colocación de sinalización horizontal e vertical nas zonas delimitadas a 30 km/h, na contorna dos colexios e parques. Tamén fixo referencia á “aposta” do Grupo de Goberno polo proxecto Móvete por Ourense “para poñer en marcha medidas e mecanismos que diminúan os accidentes nas rúas da cidade”.

Por outra banda, o Concello aprobou en Xunta de Goberno Local un total de 27 asuntos achegados polos diferentes servizos municipais.

Avogacía Consistorial: tres sentenzas, tres persoamentos, tres autos e unha dilixencia. A sentenza é do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense, e desestima o recurso dun particular por danos sufridos no seu vehículo e outra estima o recurso dun particular que reclamaba o pago dunha débeda desestimada en marzo de 2014.

O Contencioso Administrativo número 1 desestima o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega (CIG) debido a imposición dunha multa de 150 euros pola colocación ilegal de cartelería nunha fachada.

En canto aos persoamentos, o Concello deberá presentarse ante o Xulgado no recurso dunha particular polas lesións sufridas por mor dunha caída na Rúa Carlos Velo; no procedemento abreviado presentado por catro Policías Locais contra un acordo da Xunta de Goberno Local que desestimaba un recurso de reposición interposto contra un decreto da Concellería de Recursos Humanos; e no procedemento interposto polos concelleiros do grupo socialista contra o Decreto da Concellería de Recursos Humanos de 29 de setembro de 2017, e publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense de 7 de outubro de 2017, polo que se nomearon 14 xefaturas de servizo.

Os tres autos foron ditados polo Xulgado do Contencioso Administrativo numero 1 de Ourense: O primeiro desestimou a suspensión cautelar solicitada por uns particulares nun asunto de liquidacións da plusvalía dun inmoble; o segundo declarou finalizada unha execución provisional; e o terceiro deu conta da extinción dun recurso presentado pola Central Intersindical Independente e de Funcionarios CSI-CSIF.

A dilixencia declara o arquivo do xuízo verbal interposto polo Concello de Ourense contra Northgate España Renting Flexible e Caser Seguros.

Licenzas. Concedeuse licenza para a segregación dunha parcela; a reforma dunha vivenda; a ampliación dun baixo e a instalación dun ascensor.

Aperturas. Concedéronse licenzas de obra para adaptar senllos locais para unha tenda de apostas e para un bazar de comercio polo miúdo.

Patrimonio. desestimáronse tres reclamacións de responsabilidade patrimonial por caídas ao non concorrer os requisitos legais que xustifican dereito a unha indemnización.

Infraestruturas. Aprobouse o recoñecemento de débeda e o pago de 1.516,71 euros a favor da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

Contratación. Aprobou o cambio do responsable do contrato de subministración de enerxía eléctrica ao Concello.

Xestión Tributaria. Aprobouse o recoñecemento do abono de 121 euros en concepto de costas xudiciais.

Cultura. Aprobáronse as bases e a convocatoria do XIX Premio Risco de Creación Literaria, dotado con 6.000 euros.

Persoal e Recursos Humanos. Desestimáronse tres recursos ás bases e á convocatoria de postos nos proxectos Geoatlantic, Ourense Activa 2017 e Ourense+.

Comercio. Desestimouse o recurso dunha cafetería situada na parte superior do Parque de San Lázaro en contra da reordenación dos veladores dos establecementos que hai na zona.

Deja un comentario